Lugonovo propón sumarse á iniciativa europea dos domingos sen coche

Un domingo sen coches. Os concelleiros de Lugonovo apostan por poñer en marcha esta iniciativa orientada a gañar espazo para os peóns aparcando os malos fumes, polo menos, unha vez ao mes.

 A proposta achégaa o edil Iñaki García: “o domingo é, por excelencia, o día da familia. Pensar en retirar os automóbiles do centro de Lugo significa darlle o protagonismo aos veciños e veciñas. Trataríase de aproveitar esta circunstancia para encher de actividades o casco histórico e, porque non, os barrios coa fin de que a oferta de ocio sexa atractiva e anime aos lucenses a saír ás rúas”.

 Dende o Grupo Municipal suxiren a posibilidade de converter as prazas, avenidas e outras localizacións da cidade, como por exemplo, Ramón Ferreiro ou a Ronda da Muralla, no mellor escenario para a organización de eventos culturais, lúdicos ou deportivos do agrado da poboación de tódalas idades. “Os propios colectivos e entidades que traballan en Lugo poderían facer suxestións sobre a axenda a desenvolver”

As vantaxes da medida, “Manter os vehículos nos garaxes supón un aforro moi importante dos custes medioambientais que ocasiona o tráfico rodado. Xestos coma este, que xa se secundan en capitais como Valencia, Oviedo, San Sebastián ou Madrid supoñen unha aportación importante contra o cambio climático”. A recente entrada en vigor do Acordo de París esixe un esforzo extra ás administracións municipais para colaborar, dende as súas posibilidades, no empeño”, subliña García Gómez.

 Cómpre recordar que os informes sobre a calidade do aire no estado español, elaborado cos datos que ofrecen as propias comunidades autónomas, revelan que as catro provincias galegas presentan niveis de contaminación por partículas en suspensión por encima dos valores recomendados pola Organización Mundial da Saúde. ”Debemos tomar conciencia desta situación e poñerlle freo ás emisións porque, resulta evidente, que están a afectar á nosa calidade de vida”, conclúe o concelleiro de Lugonovo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com