O Presidente da Deputación, Darío Campos, adiantou este martes que a Deputación ofrece a lucenses maiores de 55 anos prazas ilimitadas para recibir tratamentos termais nos balnearios da provincia, con descontos de ata o 30%. Faino ata o 31 de decembro a través do Lugo Termal, o programa que potencia o benestar social, facilitando o acceso a terapias mineromedicinais, e potencia o turismo termal na provincia, promovendo todos os establecementos lucenses desta índole.
Hai prazas ilimitadas nos balnearios de Pantón, Pambre e Guitiriz. No de Lugo polo de agora hai 59 prazas, pois houbo ducias de solicitudes nas últimas semanas. Todas elas inclúen 20 técnicas terapéuticas, sen estancia. Contan con descontos superiores aos 100 euros grazas ao Lugo Termal. Pois os prezos son de 199 euros en Termas de Lugo e no Balneario de Guitiriz, e de 210 euros en Augas Santas e Río Pambre.
A maiores, a Deputación tamén pon a disposición de lucenses maiores de 55 anos a través do Lugo Termal outras 223 prazas subvencionadas, que inclúen técnicas terapéuticas e estancia. Concretamente, ofrécense 6 días con 5 noites, pensións completas, 8 técnicas de saúde, recoñecemento médico, programas de animación sociocultural e de atención para persoas con capacidades diferentes. Todo isto por un prezo de 190 euros graza á axuda económica da Deputación.
Estas 223 prazas subvencionadas con tratamentos e estancia distribúense do seguintes xeito: 149 prazas no balneario de Guitiriz, 72 no de Palas de Rei e 2 no de Lugo. Son as derradeiras desta índole, das 600 que en total ofreceu a Deputación.