Desaparece Fran Pérez, un dos grandes da música galega

Fran Pérez coñecido co nome artístico de NARF faleceu onte, logo dunha breve enfermidade. O músico galego que formou parte de proxectos como: Nicho Barullo, Os Kinindiola ou Psicofónica de Conxo, deu o seu derradeiro concerto no pasado Womex, celebrado en Santiago o mes pasado, xunto ao grupo Timbilia Muzilia, malia a súa enfermidade, amosando a súa grandeza como artista e como persoa.

Con Narf desaparece a vía máis importante de conexión da música galega coa Lusofonía. Pérez levaba colaborando con músicos de Portugal, Angola ou Moçambique dende hai anos e realizando xiras por eses países e mesmo por Brasil.

Había tempo que non nos viamos, non sei se foi no programa E-Música que fixen para a TVG ao que o invitei para que nos falara dos seus proxectos e actuara en directo no programa; ou no meu estudio na mestura dalgunha das súas creacións, xunto co seu inseparable amigo, músico e técnico, Toño Vázquez. Sempre era un pracer conversar con Fran de proxectos e ideas, ou das posibilidades que a nosa música tiña no mundo da Lusofonía.

Por desgraza xa non o poderemos facer máis, pero quedaranos a súa lembranza na súa música que seguira a falar por el para sempre, así como a sorte de ter coñecido a un gran compositor e músico e ter compartido e tratado a un excelente e magnifico ser humano. En paz estea.

Deica sempre Fran.

Eloi Caldeiro.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com