O Concello de Lugo instalará un aseo público autolimpable no Parque de Rosalía de Castro, unha actuación que ten un prezo de licitación de 40.000 euros, unha necesidade que lle trasladaron tanto algún grupo político da Corporación como distintos veciños e veciñas ao Concello, dado a gran utilización deste espazo verde, en pleno centro da cidade, que ofrece 23 hectáreas de zona verde e un miradoiro único.
Así o deu a coñecer este mércores tras a Xunta de Goberno Local o voceiro municipal, Miguel Fernández, quen subliñou que na sesión deste mércores se aprobou o proxecto técnico e o prego de cláusulas administrativas particulares, así como a adxudicación por procedemento aberto.
O prazo para presentar ofertas será de 15 días naturais dende o Boletín Oficial da Provincia (BOP) e o prazo máximo de entrega, de 45 días. Para a súa adxudicación valorarase o equipamento, a accesibilidade, o deseño innovador ou a súa eficiencia enerxética, entre outros.
Ademais, Miguel Fernández informou este mércores de que a Xunta de Goberno aprobou as bases reguladoras da concesión de subvencións a ONGD para a realización de proxectos de cooperación ao desenvolvemento, ás que destina 69.000 euros. Todos os interesados nesta liña de axuda, que se convoca en réxime de concorrencia competitiva, poderán presentar as súas solicitudes no Rexistro Xeral do Concello ao longo de 15 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia, que é remitido pola Base Nacional de Subvencións.
Nov 16, 2016 - 10:59 PM
Y cuándo van a impedir el botellón???