Empresas e colectivos sociais sen ánimo de lucro de 61 Concellos da provincia solicitaron á Deputación un total de 765 axudas económicas para contratar novo persoal a través do Ben Empregado 3, o programa que o Goberno Provincial decidiu reeditar para xerar novos postos de traballo na provincia con 2,3 millóns de euros.
O organismo provincial publicou en www.deputacionlugo.gal a listaxe das solicitudes incompletas para que os concorrentes corrixan erros ou deficiencias e continuar coas súas solicitudes. Cómpre destacar que o prazo para facelo é ata o venres incluído. Aquelas entidades ou asociacións que non figuren en dita listaxe é porque teñen toda a documentación en regra, feito que non implica que xa sexan beneficiarias, pois a avaliación definitiva farase rematado este prazo de subsanación de erros.
As 765 solicitudes recibidas por parte de empresas e colectivos sociais dos 61 Concellos lugueses son para as seguintes tres liñas de contratación, que acordou ofrecer o Goberno da Deputación:
- Liña 1 dirixida a empresas para a contratación de desempregados lucenses, onde a institución sufraga o 50% dos gastos laborais dos novos traballadores: recibíronse 490 solicitudes.
- Liña 2 dirixida a empresas para a contratación de desempregados lucenses con capacidades diferentes ou en risco de exclusión laboral, onde a institución sufraga o 100% dos gastos laborais dos novos traballadores co obxectivo de favorecer a súa inserción laboral unha clara aposta pola integración social: recibíronse 143 solicitudes.
- Liña 3 dirixida a colectivos sociais sen ánimo de lucro para a contratación de desempregados lucenses, onde a institución sufraga o 100% dos gastos laborais dos novos traballadores: recibíronse 132 solicitudes.