O primeiro centro público de recría de vacún botará a andar en abril, tal e como anunciou esta mañá o vicepresidente da Deputación, Álvaro Santos, trala xuntanza semanal do Goberno provincial. Neste sentido, o Goberno acordou hoxe levar a cabo as melloras nestas instalacións que recomendou a Comisión Técnica. Consisten en facer cubertas nos 6 pasillos que hai entre os 200 boxes, onde se afincarán os animais dende que entran no centro, cuns 15 días, e ata, aproximadamente, os 6 meses, cando se trasladan ás 14 naves de recría.
Son actuacións recomendadas, que non obrigatorias, pois estes pasillos non están cubertos na maioría destas instalacións, pero que se executan para favorecer o benestar animal. Deste xeito, evitarase que as condicións climatolóxicas afecten aos exemplares.
Estas melloras están valoradas en 300.000 euros, que se inclúen na partida de 12 millóns de euros que a Deputación achegou ao proxecto de construción do centro de recría, cuxas obras están totalmente executadas, e que, finalmente, tras a baixa nesta contratación, tiveron un custo de 10 millóns de euros. O prazo máximo destes traballos é de 3 meses, coincidindo co período de previsión da apertura destas instalacións.
Ademais, o Goberno da Deputación levará o ao Pleno do mes de novembro os pregos da concesión do centro por valor de 40 millóns de euros, que é a valoración económica destas instalacións e dos terreos onde se afincan.