A Xunta di que están adoptando as medidas precisas para controlar o brote de lexionela nas Gándaras

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou hoxe que no centro da terceira idade das Gándaras estanse a aplicar os protocolos pertinentes para controlar o brote de lexionela detectado na análise periódica que con este fin realiza Sanidade despois de que dous usuarios da residencia tiveran que ser hospitalizados no Hula.

Balseiro indicou que os dous doentes, aos que lles desexou unha pronta recuperación, permanecen estables e que a súa evolución é a axeitada. No que atinxe ás medidas adoptadas, o delegado territorial confirmou, despois da xuntanza mantida con responsables da xefatura territorial de Política Social, técnicos de Sanidade e a directora da residencia, que se realizaron os procesos de limpeza establecidos  no protocolo pertinente para estes casos.

Pendentes dos resultados que poda aportar mañá Sanidade e que determinarán as novas actuacións a levar a cabo, José Manuel Balseiro adiantou que, en caso de que se manteña a presencia de lexionela, a Consellería de Política Social xa ten previsto un plan de continxencia que, entre outras medidas, suporía a instalación dun sistema de abastecemento de auga independente temporal. Adiantou así mesmo que, se fose preciso, ampliaríase o persoal do centro para atender ás eventuais novas demandas.

O delegado da Xunta en Lugo explicou que estanse redobrando os esforzos para que o problema afecte o menos posible ó normal funcionamento do centro. Neste eido, salientou que o servizo de cociña e comedor non se viron afectados polas restricións de auga posto que xa conta cun abastecemento independente en virtude das obras efectuadas con este fin o pasado ano pola Consellería de Política Social e que tamén beneficiaron ó centro de día.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com