Charlas, concertos e un roteiro nocturno festexarán os 16 anos da Muralla como Patrimonio da Humanidade

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentou este mércores no Salón de Plenos as actividades organizadas polo Concello para conmemorar o XVI Aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade, declaración que tivo lugar o 30 de novembro do ano 2000, supoñendo un punto de inflexión para o coñecemento e o turismo de Lugo, tal e como recoñeceu a edil.

Tal e como explicou Basadre, mañá xoves, 24 de novembro, terá lugar, no Salón de Plenos a cata histórica, A Muralla, algo máis que un símbolo. 1477 abranzando Lugo. Posteriormente, aproximadamente ás 21:00 horas, desenvolverase un roteiro nocturno por este Ben Mundial, con saída dende o ascensor da Muralla. Esta será a primeira das 5 catas históricas, con percorrido guiado incluído, que ten preparadas a entidade local ata xuño, en substitución das catas literarias, co obxectivo de que “os e as lucenses coñezan mellor Lugo e o patrimonio histórico e cultural da cidade”.

A programación inclúe charlas os días 29 de decembro, sobre o abastecemento de auga á cidade de Lugo, 23 de febreiro, que versará sobre a Catedral e o Templo de Mitra; 27 de abril, facendo fincapé nos accesos históricos á cidade de Lugo: as vías romanas, o Camiño Primitivo e o Camiño Real de Carlos III, e 29 de xuño, que tratará a evolución histórica da cidade. Todas elas terán lugar ás 20:00 horas, compatibilizando o sitio de realización, tanto Salón de Plenos como MIHL.

Tamén, para conmemorar o aniversario da Muralla, terá lugar un concerto de Telmo Fernández, quen presentará o seu novo disco The Soul Jazz Beat Vol.2, no Círculo das Artes, o propio día 30 de novembro, ás 20:00 horas. Contará coa colaboración especial da vocalista, orixinaria de Italia e afincada en Barcelona, Desiree Diuf. A entrada é de balde.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com