Os concelleiros de Lugonovo denuncian o hermetismo da administración local sobre a información solicitada o pasado mes de xaneiro por este Grupo Municipal para coñecer a cantos inmobles da cidade non se lles requeriu o pago do IBI no último exercizo.
“A principios de ano fixemos un rogo pedíndolle ao executivo que iniciara unha revisión detallada e rigorosa sobre os edificios que non abonan este imposto para saber si se axustan ou non aos puntos de exención que recolle a lei. Dez meses despois seguimos agardando pola resposta o que demostra que non se fixo ningunha averiguación oficial ao respecto. A dúbida que nos asalta agora é se tanta pasividade responde a unha cuestión de ineficacia ou de conivencia cos beneficiarios desta manga ancha”, afea o portavoz Santiago Fernández Rocha.
Fernández Rocha cualifica como “auténtico agravio comparativo”, o “privilexio” do que goza a Igrexa Católica e o resto das confesións relixiosas afincadas no Concello, así como as organizacións que depeden delas. “Hai un ano e un mes, Lugonovo rexistrou unha batería de preguntas sobre esta cuestión no Obispado que aínda seguen sen contestar, a pesar do seu ofrecemento de colaboración. Preocúpanos este escurantismo polo que poida agochar e xa advertimos, que deixar pasar o tempo non relaxará o noso interese”, resume
Os edís da formación volverán sobre a materia con outro cuestionario ao goberno local pero, desta volta, engadindo un novo interrogante. “Queremos saber se nos últimos tempos a Igrexa fixo algunha inmatriculación, atendendo á potestade regalada polo ex presidente Aznar, que lles consentía apropiarse de bens alleos non recoñecidos. E queremos tamén que se faga un inventario de tódalas propiedades das que dispoñen coa fin de comprobar que, naqueles casos nos que lles corresponde, están a contribuír coa recadación local na mesma medida que o fan o resto de veciñas e veciños”.