O Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, presentou este luns no Salón de Plenos a iniciativa Tropa Verde, un proxecto que busca fomentar a reciclaxe e a cultura da responsabilidade ambiental entre a cidadanía, e ao mesmo tempo dar pulo ao comercio local.
Tropa Verde trátase dun proxecto multimedia, promovido por Teimas Desenvolvemento, mediante o cal, os veciños e veciñas que se rexistren neste proxecto, en www.tropaverde.org e realicen accións responsables ambientalmente, como achegarse ao Punto Limpo, obterán un cheque que deberán introducir na mesma web. Ao introducir o código na web, recibiranse puntos que se poderán canxear por descontos e premios en establecementos de comercio e hostalería.
Na presentación, o edil fixo fincapé no matiz de sensibilización desta campaña para concienciar á poboación da importancia da reciclaxe, así como na recuperación e reutilización de residuos, ao tempo que animou á cidadanía a participar e implicarse na adecuada xestión de residuos.
Esta iniciativa conta co patrocinio de 40 establecementos do municipio que ofertan preto de 700 recompensas e descontos por un valor de case 5.000 euros. Ao punto limpo, como emisor destes cheques, sumaranse os centros de convivencia, que recollerán pilas e tapóns, e o Centro de Sevizos Xerais do Concello. As recompensas que reciben os bos recicladores inclúense en distintas categorías: hostalería, comercio, cultura, deporte, saúd, infantil e estética.