Os concelleiros de Lugonovo queren amosar a súa satisfacción pola posta en marcha da Oficina de Asuntos Rurais. Unha ferramenta proposta por este Grupo Municipal, no Pleno de xullo de 2015, que recibía o visto e prace da Xunta de Goberno esta semana.
“Estamos convencidos de que será unha axuda importante para os labregos da comarca e que, pouco a pouco, as súas bases iranse asentando ata centralizar todas as demandas das e dos veciños do rural”, destaca Santiago Fernández Rocha.
O portavoz de Lugonovo cualifica este novo instrumento como unha peza de apoio ao sector moi destacada, tendo en conta o contexto actual, e apunta algunha das funcións coas que foi ideado.
“Unha das máis relevantes é a de prestar asesoramento e facer o seguimento de tódolos trámites precisos así como dos expedientes iniciados para obter calquera tipo de licenza relacionada coa instalación de explotacións no medio rural e a execución de obras de reforma. O que incluiría suxestións e recomendacións sobre as zonas máis apropiadas para desenvolver cada actividade”.
Os edís da formación suxiren ademais, que, sendo posible, dende este organismo se puidese aportar igualmente toda a información relativa ás diferentes liñas de subvencións que existen “así como estar ao tanto das actualizacións legais que vaian entrando en vigor para informar das mesmas aos propietarios evitando sancións derivadas do seu incumprimento”.
“Sería moi positivo orientar aos produtores de cara a unha mellora do rendemento e da súa diferenciación promovendo ademais fórmulas como a agroecoloxía, o cooperativismo, ou mesmo os bancos de terras municipais”. Asemade, parécenos moi relevante, por exemplo, a implicación do Concello na potenciación do comercio dos produtos da terra. A súa exaltación, cun selo de calidade local, outorgaríalle un valor engadido que, posteriormente, debe ser debidamente publicitado ata acadar, no marco dunha estratexia global, que Lugo sexa un referente gastronómico en todo o norte peninsular”, expón Fernández Rocha.