Os edís do BNG-AA no concello de Lugo achegáronse a coñecer a situación na que se atopan as vivendas existentes no entorno da rúa Revista Ronsel. “Unha rúa que quedou sen rematar de urbanizar despois do “pinchazo” da burbulla da construción e que agora causa problemas ás persoas que viven na zona” explicou Maite Ferreiro. A edil nacionalista informou que trasladará ao goberno municipal información da situación na que se atopa a rúa e pedirá que se acometan as solucións posibles e necesarias.
“Nesta rúa existe moitos predios totalmente abertos e cheos de vexetación que albergan roedores e insectos que afectan ás vivendas da zona” sinalou Maite Ferreiro. A situación na que se atopa a rúa Revista Ronsel está relacionada coa falta de conexión entre as rúas Dona Urraca, López Guntín e Mazaira. Ferreiro sinalou que “dende que o BNG tivo responsabilidades de goberno na área de infraestruturas no goberno municipal e avanzou na desconxestión desta zona co derribo dun tapón urbanístico na zona, non se volveu facer absolutamente nada para avanzar na mellora destas vías urbanas”.