Segundo Lugonovo,”As Gándaras é o barrio esquecido por antonomasia, a escaseza de dotacións ten o seu paradigma na propia Calzada onde tanto o firme como o resto da sinalización viaria predispón a outra definición: proxecto de estrada”.
O portavoz de Lugonovo enumerou “a recua de despropósitos que afectan a esta vía. O asfaltado está completamente deteriorado e a penas hai beirarrúas ao longo do traxecto o que engadido á falta de indicacións, tanto horizontais como verticais, que advirtan da presenza de peóns ou da proximidade do centro escolar, convértena nun espazo moi perigoso”.
Santiago Fernández Rocha destacou a importancia que comeza a ter esta rúa como nexo de unión entre a capital e a Rolda Norte. “Nos últimos tempos rexistra moita máis circulación porque os condutores a empregan para dirixirse ao hospital ou para encamiñarse á A6 ben pola Campiña, ben polo Ceao. Ademais hai que ter en conta o crecemento que está experimentando o polígono das Gándaras o que tamén fai que se multiplique o tráfico na zona”.
Unha saturación que contribúe a afondar no desgaste que xa lle afecta ás infraestruturas e dispara as situacións de risco para os viandantes.
“O goberno non pode pechar os ollos a esta realidade. É máis, estas novas circunstancias obrigan a unha actuación urxente. A alcaldesa debe transmitirllo así ao presidente da Xunta e debe empregar toda a súa persuasión para que a remodelación da Calzada das Gándaras sexa unha prioridade dentro da partida orzamentaria destinada ao Plan Paradai”, apuntou o voceiro.