A profesora de investigación do Instituto de Ciencia y Tecnología de Alimentos y Nutrición (ICTAN), centro de investigación do “Consejo Superior de Investigaciones Científicas” (CSIC), María Ascensión Marcos impartirá o vindeiro mércores, 14 de decembro, unha conferencia sobre “A nutrición na prevención e tratamento de enfermidades”, dentro de Alimentatic, o programa da Fundación TIC da Deputación destinado a fomentar unha dieta saudable entre os maiores da provincia a través das tic. A charla terá lugar ás 17.00 horas no Salón de Actos do Pazo de San Marcos. Especialmente dirixida aos maiores, estará aberta a todo o público interesado.
Especialista en inmunonutrición, María Ascensión Marcos é pioneira en España no estudo da relación entre os diferentes compostos bioactivos e os alimentos funcionais no sistema inmunolóxico. Nestes últimos vinte anos participou en numerosos proxectos de investigación relacionados co tema. Os seus estudos destacan á hora de comprender cales son os biomarcadores e os factores máis ligados a enfermidades cada vez máis presentes nos países industrializados como os trastornos de alimentación, o sobrepeso, a obesidade ou as intolerancias.
O sistema inmunolóxico
O sistema inmunolóxico é o conxunto de células e sustancias químicas que nos defenden dos axentes patóxenos que intentan colonizar o noso organismo. Ascensión Marcos defende que este sistema se pode mellorar coa práctica moderada e regular de exercicio, cunha alimentación adecuada e cunha actitude positiva ante a vida. Reducir os ácidos graxos saturados, comer froitas, verduras, legumes, cereais e fermentos lácticos e beber preto de dous litros de auga ao día son algunhas das súas recomendacións.
Éxito de Alimentatic
O programa da TIC tamén inclúe 15 obradoiros que se están a impartir con grande éxito neste último trimestre do ano en todas comarcas da provincia. Arrancou cunha conferencia do especialista en nutrición Manuel Antonio Botana sobre “Hábitos de alimentación saudable e a súa relación coas enfermidades no adulto maior”, á que asistiron máis dun cento de maiores.
As novas tecnoloxías son unha ferramenta de grande importancia, para unha provincia como a de Lugo, por mor da dispersión da poboación, que fai que non sexa doado o acceso a un gran volume de información sobre hábitos de alimentación e vida saudable, polo que existe un descoñecemento neste ámbito, especialmente entre os maiores. A finalidade do Alimentatic é aproveitar as oportunidades que ofrecen estas tecnoloxías para chegar de maneira máis rápida e eficaz a un maior número de lucenses.