O Grupo Municipal do Partido Popular cualificou de “moi escasa” a proposta de Oferta de Emprego Público do Concello de Lugo para 2016. Antonio Ameijide valorou o documento da OEP, que presentan dende o goberno local, manifestando que “coa súa oferta non se van solucionar os graves problemas de funcionamento que hai no Concello de Lugo” engadindo que “salvo sete vacantes o resto das 25 que se ofrecen están, na actualidade, ou ben cubertas por interinos (4) ou ben son de promoción interna (14) polo que o reforzo do cadro de persoal é casi nulo”. Por este motivo, o vicevoceiro popular considera que a Oferta de Emprego Público do Concello de Lugo “é insuficiente para cubrir as necesidades reais do funcionamento diario dos diferentes departamentos municipais”.
Ameijide tamén foi crítico cos socialistas que “unha vez máis desaproveitan a oportunidade de reorganizar os servizos municipais”. “A parte de que deberían ofrecer unha oferta de emprego público competitiva, deberían traballar de xeito inmediato na reorganización dos preto de 700 empregados públicos que ten o concello”. “Deste xeito se podería descargar de traballo aqueles servizos que están saturados proporcionándolles medios persoais doutras servizos con menos de traballo”. Para Ameijide o único que o amosa o goberno local coa súa proposta “é unha falta de empatía cos cidadáns que reciben un mal servizo porque non hai un control político, nin se toman decisións para conseguir unha administración eficaz, moderna e rápida”, manifestou Ameijide.
O vicevoceiro popular tamén aludiu “á incapacidad dos socialistas á hora de contratar persoal para aqueles 9 servizos que eles mesmos declararon esenciais o pasado mes de outubro. (Actas e Goberno, Intervención, Asesoría Xurídica, Tesourería e Contabilidade, Facenda Local e Inspección Tributaría, Administración Electrónica, Emprego, Escolas Infantís e a xestión dos comedores escolares)”.