A Academia Galega do Audiovisual pon en marcha os Premios María Luz Morales de investigación audiovisual

A Academia Galega do Audiovisual convoca os premios María Luz Morales para promover a investigación científica no ámbito audiovisual. Desde esta primeira edición, estes premios contarán con catro modalidades que atenderán traballos de videoensaio e ensaio escrito, de ámbito galego e internacional. Nesta iniciativa, a primeira destas características en Galicia, participan as catro deputacións galegas.

No acto de presentación da primeira edición dos premios Mari Luz Morales, participaron os responsábeis das áreas de Cultura das deputacións de Lugo, A Coruña, e Pontevedra, Pilar García  Porto, Goretti Sanmartín e Xosé Leal, o Concelleiro de Culturas da Coruña, José Manuel Sande e o Presidente e a Tesoureira da Academia Galega do Audiovisual, Carlos Ares e María Yáñez.

Na súa intervención, Carlos Ares, que deu grazas ás catro Deputacións por responder á chamada de colaboración da Academia, sinalou que os novos premios eran un “empeño da directiva” pola súa relevancia e pola súa capacidade de relacionar o sector coa sociedade. Para María Yáñez, persoa da directiva que coordina os premios, a convocatoria responde á necesidade “de mirar par esa outra parte do audiovisual e visibilizar a investigación que se está a desenvolver por parte de moita xente que dá moito sen recibir case nada a cambio”. Destacou tamén que as bases recollen catro modalidades de traballos, en soporte de ensaio escrito e videoensaio e para audiovisual galego e internacional. “Quixemos aproveitar tamén a propia linguaxe audiovisual para investigar e divulgar”, anotou ao tempo que agardou unha participación elevada para confirmar “a hipótese de partida de que hai moitas persoas investigando”.

Por parte da representación institucional partipante na presentación, a deputada de Cultura de Lugo agradeceu o convite e valorou de maneira especial a “cooperación entre distintas institucións” e mostrou orgullo de colaborar nunha iniciativa que leva o nome dunha “muller, galeguista e exemplo da defensa dos dereitos das mulleres”. Na mesma liña manifestouse Xosé Leal que valorou a necesidade dos premios xa que “se Galiza é unha potencia no audiovisual é por proxectos coma este, que promoven sinerxias que demostran que se poden desenvolver iniciativas con empaque e que perduren no tempo para un sector que é industria cultural de especial relevancia”.

Rematou o acto coa lectura da definición que a propia Mª Luz Morales facía do cine:  “E isto é, xustamente, o cine. A arte moderna por excelencia: a arte propia deste momento maquinista, dinámico… (…) O cine é tamén, precisamente, a arte das multitudes, a arte por esencia demócrata, social…”

A convocatoria dos premios María Luz Morales pretende avivar o interese polos estudos sobre o audiovisual ofrecendo ás persoas estudosas e investigadoras a posibilidade de facer os seus traballos tanto en formato audiovisual como escrito. O prazo para a presentación de traballos comezará o 15 de decembro e finalizará o vindeiro 7 de maio. As modalidades do premio son: Vídeoensaio sobre audiovisual galego, Ensaio escrito sobre audiovisual galego, Videoensaio sobre audiovisual internacional e Ensaio escrito sobre audiovisual internacional.Cada unha destas categorías estará dotada con 1.200 euros de premio e un galardón.

María Luz Morales

Escritora e xornalista, especializada na crítica de cine e de teatro, dirixiu o xornal La Vanguardia durante a Guerra Civil, sendo a primeira muller na historia de España en ser directora dun diario nacional. Foi activista feminista, republicana e galeguista represaliada polo franquismo, e autora dunha extensa obra literaria. Considerada unha referencia da incorporación da muller a actividade xornalística e intelectual na España do século XX. Mantivo a actividade xornalística ata os 91 anos de idade.

 

 

 

 

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com