A voceira socialista de Folgoso do Courel, Carmen Álvarez Álvarez, remarcou que Folgoso “vai abrir un “botiquín”, grazas ao esforzo dos veciños, e da iniciativa da Agrupación Socialista, que recolleu preto de 900 sinaturas no mes de agosto, que foron presentadas ante a Xunta para atopar unha solución a este asunto”.
Carmen Álvarez denunciou que “nin o Goberno local, nin autonómico, moveron un só dedo para arranxar esta situación, foron os veciños de Folgoso, quen coas súas sinaturas denunciaron a situación que sufrían”.E advertiu que sobre este mesmo asunto interpelou en diversas ocasións á Alcaldesa en sesión plenaria, “pero sempre obtiven a calada por resposta”.
A voceira explicou que os veciños de Folgoso do Courel teñen que desprazarse a máis de 30 quilómetros, a Concellos como Quiroga ou Pedrafita do Cebreiro, para buscar as súas menciñas porque non contan con elas na única farmacia que hai en Folgoso do Courel debido aos problemas económicos que sofre a mesma.
Carmen Álvarez afirmou que o PSOE tomou as rendas deste asunto ante o desleixo do PP cos veciños. Ademais lembroulle aos populares os compromisos adquiridos pola rexedora no ano 2011, cando anunciou que ía arranxar a estrada Folgoso-Seoane, e avanzou que este proxecto contaba cun orzamento de preto de 6 millóns de euros. “Nestes mesmos días a Alcaldesa anuncia que se vai investir nesa mesma estrada 250.000 euros, “supoñemos que será para rozala e para pintala, pero non para arranxala”, declarou a edil socialista.