A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou hoxe en rolda de prensa que despois do Nadal, a Ronda da Muralla será zona con limitación a 30 kilómetros por hora e prioridade ciclista no carril dereito. Lara Méndez subliñou “que se trata dunha iniciativa con distintos beneficios, aumentar a seguridade, coa conseguinte prevención de accidentes e atropelos, mellorar a calidade ambiental, ao reducirse as emisións; conseguir un tráfico rodado máis pacífico e aumentar os espazos para as persoas, un dos grandes obxectivos do Goberno”.
A rexedora avanzou que con esta medida, quérese restar espazo aos vehículos para darllo á persoas, cumprindo ademais un acordo plenario. Con esta iniciativa, o Goberno trata tamén de normalizar a velocidade a 30 km/h, e plantexar esta acción como unha norma de mobilidade inclusiva e convivencia modal, entre bicicleta e vehículo, ademais de buscar un modelo de cidade sostible. “Queremos invertir prioridades, primeiro o peón, despois o ciclista, o transporte público e por último os automóbiles, e este, é dun dos primeiros pasos para acadar esa cidade sostible que queremos e que ansiamos os veciños e veciñas”, aseverou Méndez.
Para o BNG-AA significa “un pequeno avance cara un modelo de cidade máis amable coas persoas”. Rubén Arroxo lembrou que “hai que continuar avanzando na peonalización do tramo da Mosqueira e do recinto amurallado”. O voceiro do BNG-AA sinalou que a implantación da zona 30 “fora unha das condicións do BNG-AA para a investidura da alcaldesa e que colectivos como Masa Crítica presentaron esta iniciativa no pleno e foi apoiada por todos os grupos”.
O PP ve “unha cortina de fume de manual” o anuncio de facer da Ronda da Muralla unha zona 30. O voceiro do Grupo Municipal do PP subliña que “a alcaldesa viuse tan acorralada coa situación do parking da rúa do Teatro na que non traballou nada nos dous anos que leva á fronte do Concello que tivo que improvisar esta medida”. Jaime Castiñeira critica que “a socialista pretende suplir a súa responsabilidade manifesta botando, outra vez máis, balóns fóra e buscando golpes de atención mediáticos que de pouco lles serven aos lugueses”.
A portavoz do grupo municipal Cidadáns, Olga Louzao declarou que “o goberno, unha vez máis, volve a facer mostras da súa improvisación porque non ten ningún plan para avaliar as consecuencias que esta situación pode acarrear ou as posibles opcións que poderían existir para poder facer a zona 30”. Olga Louzao sinalou que “entendemos que amosa unha vez máis a súa falta de proxecto de cidade e que da pasos en falso e sen medir as consecuencias que poden levar a cabo”.
Dec 16, 2016 - 09:12 PM
Andando, jajaja