Aínda que o goberno local anunciou onte o concurso público por valor de 29.000 euros para adxudicar durante seis meses (prorrogables seis meses máis) a unha empresa privada as labores de apoio á asesoría xurídica do Concello, o equipo de Lara Méndez leva contratando xa dende setembro deste ano a un bufete externo para levar a cabo a representación e defensa do Concello de Lugo en procedementos xudiciais, por medio de dous contratos menores que ascenden a un total de 20.000 euros.
ACE-EU considera un “deber democrático e ético do goberno local cubrir as prazas de asesoría xurídica por medio de concurso público, e que isto se podería ter xa feito na recentemente presentada oferta de emprego público de 2016”.
Dende ACE-EU din que “xa advertiron que o nomeamento da anterior xefa do Servizo de Asesoría Xurídica como Directora Xeral de Recursos Humanos ía supoñer a privatización deste departamento, como se evidencia no feito de que trala toma de posesión do seu cargo en agosto o goberno local comezase de inmediato a contratar a un bufete de avogados externo”.
ACE-EU está en contra de calquera privatización, pois que os servizos municipais sexan públicos “é o único xeito de garantir que o seu funcionamento responde en todo momento ao interese xeral” .Declarou Carlos Portomeñe.