Lugonovo suxire un censo de adn canino para combater o incivismo cidadá

Segundo Lugonovo esta está a ser “a solución en concellos como Alboraya ou Mislata (Valencia) e as xestións para a súa implantación en grandes cidades como Zaragoza ou Málaga atópanse moi avanzadas”.

Un censo de adn canino, “que permita asociar a pegada xenética do animal á información contida no seu microchip, podería ser decisivo para rematar, tamén en Lugo, coas condutas incívicas daqueles que non recollen os excrementos das súas mascotas”.

Así o entenden os edís de Lugonovo que suxiren ao concelleiro de medio ambiente a realización dun estudo, en primeiro lugar, xurídico e logo técnico e económico da medida.

“Non se pode acusar a todo un colectivo polas malas prácticas que só cometen algúns”, afirma o portavoz. ”A maioría dos propietarios de animais domésticos responsabilízanse ao cento por cen das súas obrigas. Só uns poucos aproveitan a raquítica vixilancia policial e a falta de control municipal sobre o ornato público para eludir os seus deberes prexudicando a toda a cidadanía”.

Santiago Fernández Rocha fala da importante vantaxe, sobre outros municipios, de contar na capital coa presenza da Facultade de Veterinaria.

“Unhas infraestruturas científicas e un equipo docente de primeiro nivel que poderían asesorar ao executivo sobre os pasos a seguir e asumir, posteriormente, o procedemento técnico a través do seu afamado departamento de xenética. Para iso, sería precisa a definición concreta dun protocolo de obtención de mostras, da cadea de custodia das mesmas ou da sensibilidade que deben ofrecer os marcadores que sirvan como referencia”.

A proposta do Grupo Municipal tería que contar con todas as garantías o que “implica a concreción doutros aspectos como a modificación, nos termos axeitados, da ordenanza municipal reguladora ou a atribución do custo das probas”.

“En moitos lugares onde xa se implantou – explica o voceiro –  esta analítica é subvencionada polo Concello, como parte da campaña de sensibilización social, aínda que a pasaría a pagar o infractor, ademais da multa, cando sexa detectado. Sería preciso, igualmente, unha tipificación do importe das sancións que, onde xa está en vigor, ronda os 300 euros pero que poden alcanzar os 1.500 no caso dos reincidentes”.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com