O Delegado da Xunta en Lugo José Manuel Balseiro, desprazouse a Castro de Rei e xunto co alcalde Francisco Balado e técnicos da consellería, para comprobar os labores de roza e limpeza de masa forestal que está a desenvolver na zona a Consellería do Medio Rural.
Balseiro subliñou que nos últimos meses a Consellería leva propiciado o acondicionamento de preto de 10.000 hectáreas de monte na provincia, por xestión directa, a través das brigadas de Seaga ou ben mediante convenios cos concellos ou coas comunidades de montes.
“Isto significa, afirmou Balseiro, un investimento de máis de 2.733.000 euros, un esforzo inversor que se xustifica porque é unha medida preventiva de cara aos lumes do verán e porque é o xeito de ter os montes nas mellores condicións para desenvolver unha explotación sustentable que xere beneficios aos propietarios”.
O delegado indicou que se realizan tarefas de roza “en toda a provincia, xa que temos medios propios despregados por todo o territorio durante todo o ano, pero ademais actuamos en colaboración cos concellos e cos propietarios dos montes”. Neste sentido, sinalou que “o interese das comunidades de montes por estas actuacións da Xunta demostran a concienciación dos veciños e veciñas do rural polo coidado do monte”.
Balseiro subliñou a aposta da Xunta de Galicia “polo aproveitamento do potencial do sector forestal galego, loitando por reducir o número de incendios a través de políticas de prevención e de valorización do monte”.