A concelleira do Partido Popular no Concello de Lugo, Isabel Devesa, propuxo a creación dunha nova praza pública no casco histórico. A edil explicou que para levar a cabo esta actuación hai que traballar en dúas liñas “a primeira sería acondicionar a zona vacante da parcela que ocupaban as caballerizas do antigo Cuartel de San Fernando, agora demolidas grazas ao convenio entre Concello e Xunta para levar a cabo as obras de consolidación que garanten a seguridade e a conservación do edificio”.
A segunda liña de actuación sería a peonalización do primeiro tramo de Quiroga Ballesteros, entre Amor Meilán e San Froilán, creando unha zona de tránsito peonil continua. Devesa matizou que “os lucenses poderían gozar dunha nova mazá completa xa que se prolongaría o espazo peonil que agora existe en San Froilán, Rúa Nova e Amor Meilán”. A concelleira do Partido Popular indicou que, con esta intervención, os lucenses gañariamos un espazo público de polo menos 1.600 m2.
Para avanzar nesta idea Isabel Devesa propón que se inclúa unha partida nos orzamentos para 2017 na que se cuantifique a inversión necesaria para levar a cabo a peonalización do primeiro tramo de Quiroga Ballesteros na zona que linda co Cuartel de San Fernando. Tamén solicita que se habiliten fondos para dotar a este espazo de equipamento e mobiliario urbano (zona de xogos infantís, bancos, papeleiras, vexetación, iluminación …) garantindo a accesibilidade e a seguridade en todo o ámbito.