O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, presentou hoxe os orzamentos da Deputación de Lugo, para o vindeiro ano 2017, que ascenden a case 88 millóns e medio de euros.
Ao comezo da súa intervención lembrou que os presupostos do ano pasado que presentou no Parlamento, tardaron sete meses en ser aprobados e responsabilizou á oposición de chegar a esa situación “só a absoluta falta de responsabilidade e de compromiso cos cidadáns dunha parte da Corporación Provincial, poden explicar que o presuposto de 2016 non fose acordado polo Pleno da Deputación ata o mes de xullo, cando as contas provinciais, finalmente aprobadas, non cambiaron, nin un só ápice, ás que presentei nesta Cámara 7 meses antes”, matizou.
Nesta segunda comparecencia defendeu tamén a transparencia nas administración públicas “como un valor que vai moito máis alá do ético; como un valor, que está profundamente vinculado á democracia”. Ao tempo que defendeu a cooperación e coordinación entre as diferentes institucións “concretamente, das Deputacións coa Xunta para, verdadeiramente, responder con éxito ás necesidades de todos os galegos mediante o traballo conxunto e organizado das súas administracións públicas”.
Destacou que “a Deputación de Lugo volverá a ser no 2017 a administración galega que máis invista en emprego na provincia de Lugo, con actuacións de máis de 10 millóns de euros que xeran emprego directo a través de políticas activas de empregabilidade e de fortalecemento do tecido produtivo e do sector terciario”.
Asemade a Deputación desenvolverá políticas que favorezan “aos colectivos con máis dificultades, como á mocidade ou ás persoas con capacidades diferentes; así como o emprendemento. Farémolo a través dos Concellos para reforzar, ao mesmo tempo, a prestación de servizos públicos municipais aos veciños; do tecido asociativo para contribuír a súa imprescindible función social; e do empresarial para mellorar a competitividade dos negocios de autónomos e PEMES lucenses, dinamizando, polo tanto, a economía da provincia”.
Campos expuxo aos deputados “continuaremos coa execución do DEPUEMPREGO1, o plan de emprego da Deputación nos Concellos de menos de 20.000 habitantes a través do que financiamos, con 3 millóns de euros, máis de 260 novos postos de traballo nos municipios; así como co Ben Empregado3, a programación de 2,4 millóns de euros, que estamos a piques de resolver, e co que custeamos a contratación duns 200 desempregados lucenses entre un 50% e ata nun 100%, no caso de seren persoas en risco de exclusión laboral, como ás que sofren problemas físicos ou psíquicos, así como as vítimas de violencia de xénero, entre outras”.
Bombeiros
“Mesmo traballo, mesmo risco, mesmo soldo”. Baixo esta premisa, no Orzamento da Deputación de 2017 “incorporamos 330.000 euros máis á aportación anual que realizamos ao Consorcio Provincial de Bombeiros co obxectivo de equiparar o salario dos 132 profesionais que prestan este servizo nas 6 instalacións contra incendios da provincia de Lugo ás dos bombeiros da provincia de Ourense. Agardo que a Xunta, responsable ao 50% do Consorcio Provincial de Bombeiros, teña a mesma sensibilidade e cumpra con estes profesionais, achegando os outros 330.000 euros máis imprescindibles e da súa competencia para poder equiparar as condicións laborais dos profesionais contra incendios do territorio lugués. Todos estamos á espera da resposta da administración autonómica”, sinalou.
Granxa Gayoso Castro
“Lugo acolle máis do 70% das reses de Rubia Galega do territorio nacional, superando as 35.000 cabezas. Polo tanto, cremos nas potencialidades da mellora e expansión desta raza de vacún. Ademais, nos últimos anos, a través da colaboración que mantemos con ACRUGA, fomos capaces de xerar uns beneficios de case 2 millóns de euros aos gandeiros coa recría e mellora, e posterior venda, de centos de exemplares de Rubia Galega nas instalacións provinciais da Granxa Gayoso Castro”.
“Xeraremos outros 10 postos de traballo coa posta en marcha na primavera do primeiro centro de recría de gando vacún público en España na granxa provincial de Gayoso Castro”. Asemade materase a colaboración co Campus de Lugo.
1,7 millóns de euros para o Plan Integral de Turismo
“Un dos nosos plans que contribuirá ao pulo do conxunto do tecido produtivo da provincia será o Plan Integral de Turismo. “Estamos en pleno proceso de adxudicación, a piques de rematar o procedemento de contratación que nos permitirá poñer en marcha esta ambiciosa programación no 2017, na que implicaremos a todos os axentes no seu desenvolvemento e, por suposto, aos Concellos, pois cada un dos 67 municipios que integran Lugo ten as súas específicas potencialidades turísticas, conformando unha provincia única”.
“Cremos nas potencialidades turísticas da provincia de Lugo, cando ten 3 Reservas da Biosfera declaradas pola UNESCO, máis de 100 quilómetros de costa, máis de 800 quilómetros de rutas de peregrinación a Compostela, patrimonios da Humanidade como a Muralla ou os Camiños Primitivo e Norte, e seguiremos pelexando para que a Ribeira Sacra acade este mesmo e merecido distintivo. Por este motivo, o vindeiro ano achegamos 1,7 millóns de euros do Orzamento a medidas de fomento e impulso do turismo no conxunto da provincia”.
Políticas Sociais
A Deputación de Lugo consciente da situación de moitos colectivos sociais e en particular, por mor do envellecemento da poboación, nomeadamente no rural, “o vindeiro ano achegamos máis de 9,5 millóns de euros a políticas sociais, coas que ofrecer calidade de vida ás persoas dunha provincia rural e envellecida coma Lugo, ás que queremos ofrecer igualdade de oportunidades para acceder aos servizos públicos. “Investimos máis de 4 millóns de euros no inicio de novos proxectos de centros públicos para a atención dos maiores nos municipios”.
Asemade “para fomentar o benestar social; subliñar que achegamos 1,5 millóns de euros ao Servizo a Domicilio nos Concellos de menos de 20.000 habitantes, supoñendo custe cero para os municipios, cando xa ofrecemos este servizo a 1.800 familias da provincia”, así como “un servizo de teleasistencia gratis na provincia xa prestamos a preto de 1.200 lucenses de xeito gratuíto, e que aspiramos a chegar a 1.600”.
O Presidente da Deputación, adiantou que “no 2017, froito da débeda cero que temos, e que manteremos tamén na vindeira anualidade, ofrecemos aos municipios programacións coas que seguir ofrecendo solucións aos seus veciños por un valor provisional e mínimo de 12 millóns de euros, que tamén distribuiremos en base a criterios obxectivos”.
Darío Campos finalizou a súa intervención remarcando que “as medidas do Goberno Provincial que presido están encamiñadas a facer da Deputación de Lugo unha Deputación coas persoas, unha Deputación social e unha Deputación rural. Por iso, o conxunto dos novos investimentos de 37,5 millóns de euros que sinalei e que definen as liñas xerais do Orzamento para 2017 responden á necesidade de fomentar o emprego, as políticas sociais e as infraestruturas para garantir a igualdade de oportunidades nunha provincia, como Lugo, 100% rural, envellecida, cunha forte dispersión poboacional e cunha grave sangría demográfica”.