Deputación, Darío Campos, que “inclúa nos orzamentos de 2017 o plan único de colaboración con todos os concellos da provincia, o que, a petición do PP, debe aglutinar as distintas liñas de axuda existentes e incluír outras novas, converténdoo en máis ambicioso, que se guíe por criterios obxectivos e que responda ás verdadeiras necesidades dos lucenses”. Así, a voceira dos populares, Elena Candia, precisa que “se Campos ten vontade de negociar os presupostos, debe empezar por aprobar o plan único que propoñemos”.
A voceira do PP precisa que o seu grupo non presentou o seu modelo de presupostos á espera de que poida haber un acordo co Goberno provincial “tal e como é a nosa vontade e tras coñecer, detalle que agradecemos, que o BNG decidiu rectificar e se suma á nosa proposta”. “Imos buscar o consenso e sumar apoios e vontades para que esta provincia teña Presupostos canto antes”, engade.
Así, os populares pídenlle ao presidente que convoque á maior brevidade posible unha xunta de voceiros co obxectivo de traballar na elaboración das bases deste plan e acordar o importe a destinarlle nos Orzamentos de 2017.
Segundo lembra Candia, o PP censurou de xeito reiterado estas actitudes, “buscamos iniciativas dirixidas a mellorar a colaboración da Deputación con todos e cada un dos concellos da provincia”. Agora, engade, “cun Goberno provincial obrigado a traballar en consenso, e cun BNG que se deu conta das verdadeiras necesidades desta provincia, Campos terá o noso apoio se nos presenta unha proposta que trate equitativamente a todos os municipios e que permita que a Deputación cumpra coas súas competencias”.
Para o PP o plan único “debe permitir que a Deputación de Lugo cumpra coa súa competencia regulada por lei, a de colaborar con todos os concellos, cinguíndose a criterios obxectivos e garantindo as condicións de igualdade e concorrencia”
Neste plan único aglutinaríanse os diferentes plans xa existentes (Plan de Obras e Servizos, Servizo de Axuda no Fogar, Plan de Emprego, Teleasistencia, Plan de Aforro Enerxético…) así como a moción aprobada na anterior sesión plenaria relativa á elaboración dun plan de axuda dirixido aos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia de Lugo para o financiamento de gastos non finalistas.