Ace-Eu non apoiará os orzamentos se non inclúen a xestión municipal dos comedores escolares

O grupo municipal Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida anuncia que votará en contra dos orzamentos de 2017 se non contemplan a xestión municipal dos comedores escolares dende o mes de xaneiro, tal como se comprometeu o concelleiro de Educación, Manuel Núñez, hai seis meses en reunión coas ANPAS, a representación da Xunta e a empresa que actualmente está a cargo do servizo; a mesma que se ocupou del de xeito irregular durante unha década, sen ningún tipo de contrato en vigor coa administración municipal nin con calquera outra entidade competente.

“Non avalaremos co noso voto a continuidade desta aberración administrativa, por cualificala dun xeito suave”, afirmou Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU. “Este goberno leva anos permitindo que unha empresa privada explote a discreción instalacións públicas sen ningún tipo de control administrativo, e non imos ser cómplices de que isto siga acontecendo nin un minuto máis”.

Portomeñe declarou que, “segundo o decreto autonómico de comedores vixente, a administración ou entidade que asuma a xestión dos comedores escolares debe contratar directamente coa empresa que preste o servizo de preparación dos menús, sen embargo, o contrato actual das ANPAS está firmado con Vitae, que ten á súa vez subcontratada á empresa de catering, incumprindo directamente o devandito decreto. Por se fose pouco, a empresa de catering Central II leva anos elaborando as comidas dos nove comedores escolares afectados ser ten licencia de actividade en vigor para facelo, e non fixo a comunicación previa ao Concello de Lugo de inicio da actividade de elaboración de comidas para ser consumidas fóra curiosamente ata o pasado 26 de setembro de 2016, sen sequera entregar a documentación preceptiva para obter o permiso, polo que cabe a posibilidade de que o servizo municipal de licenzas teña que pecharlles en breve o loca”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com