Dúas persoas faleceron nas últimas horas en accidentes de tráfico rexistrados en Abadín e no Corgo.
En Abadín, unha colisión entre un camión e un todoterreo na A-8 cobrouse unha vítima mortal. Os Bombeiros tiveron que excarcerar o cadáver do interior do vehículo. Os feitos tiveron lugar a escasos metros da saída de Riotorto, en sentido Begonte. Unha persoa particular alertaba da situación ao 112 Galicia minutos antes das 21:00 horas de onte. Outra persoa que tamén contactou coa central de emerxencias explicou que o todoterreo quedou completamente esmagado e que estaba a arder.
Desde o Centro de Atención ás Emerxencias informouse a Urxencias Médicas e aos Bombeiros de Vilalba, que mobilizaron ata o punto senllos equipos. A situación tamén foi posta en coñecemento da Garda Civil. O sinistro obrigou a cortar a circulación da autovía en sentido Begonte durante varias horas.
Sinistro no Corgo
Escasos minutos despois, no Corgo, outra persoa falecía na A-6 nunha colisión entre dous vehículos.
O sinistro rexistrouse á altura do quilómetro 486 da Autovía, en sentido A Coruña. Unha persoa particular chamou ao 112 Galicia ás 21:00 horas para dar conta do accidente.
O persoal da central de emerxencias informou enseguida a Urxencias Médicas. Os efectivos sanitarios desprazáronse ao momento para asistir ao resto de persoas que viaxaban nos dous vehículos implicados. Desde o CAE 112 Galicia tamén se alertou aos Bombeiros de Sarria e de Lugo e á Garda Civil de Tráfico.