A Xunta de Galicia investiu 84.220 euros en dúas actuacións de mellora de infraestruturas desenvolvidas nos últimos meses en Pedrafita do Cebreiro, e que afectaron ao mercado gandeiro e ao camiño de San Pedro de Riocereixa.
O delegado territorial, José Manuel Balseiro, desprazouse hoxe á localidade e acompañado polo alcalde da localidade, José Luis Raposo, destacou “o apoio da Xunta aos concellos rurais no referente á dotación de servizos e ampliación e modernización de infraestruturas, para dinamizar a actividade económica e fixar poboación nestes municipios”.
Nas instalacións do mercado pechouse o lateral cunha xanela corrida abatible para mellorar a funcionalidade, comodidade e estética do edificio. Polo que respecta á nave usada para venda ambulante, renovouse o solado, abriuse unha porta peonil e instalouse unha porta industrial automatizada de dimensións axeitadas para o servizo do mercado.
Balseiro explicou que o Plan estratéxico de impulso ao comercio de Galicia 2015-2020 ten entre os seus obxectivos a modernización do comercio galego prestando especial atención á imaxe, a presentación do produto e a prestación de servizos complementarios ao cliente, por isto se inclúen medidas como a mellora da imaxe e o equipamento dos mercados e prazas de abastos galegos, así como a creación dunha rede de mercados excelentes.
Polo que respecta á mellora do camiño de Riocereixa, a obra foi sufragada mediante o Plan Marco de mellora de camiños de titularidade municipal que desenvolve a Consellería do Medio Rural. Os traballos afectaron a algo máis dun quilómetro de vía e consistiron na mellora do pavimento mediante a adición dunha capa de seis centímetros de aglomerado asfáltico sobre o firme e a rodadura existentes.
Así mesmo, actuouse sobre as cunetas para mellorar as condicións de drenaxe das augas pluviais e instalouse un tramo de bionda de protección nun treito de curva para incrementar a seguridade viaria.