O Goberno da Deputación leva ao Pleno investimentos por valor de 300.000 euros

O Goberno da Deputación leva ao vindeiro Pleno, que terá lugar o martes 27 de decembro, novas propostas de case 300.000 euros para fomentar o emprego, os servizos sociais e as infraestruturas na provincia, en colaboración con colectivos do tecido produtivo e social lugués, así como cos Concellos.

Deste xeito, o Executivo Provincial presenta á sesión plenaria acordos para conceder unha axuda económica de 100.000 euros á Confederación de Empresarios da Provincia de Lugo (CEL) coa que contribuír á súa actividade en impulso das empresas da provincia; a Raiolas de 90.000 euros para obras na antiga gardería no Campus e transformala nun centro de día para persoas con autismo; a COGAMI de 50.000 euros para o Servizo de Intermediación Laboral a persoas con capacidades diferentes; e de 45.500 euros a 12 Concellos con produción hidroeléctrica. Son remanentes desta débeda liquidada, que o Presidente decidiu pór a disposición dos municipios para que contraten máis actuacións.

Servizo a máis de 6.000 empresas

A axuda de 100.000 euros que o Goberno da Deputación acordou conceder á CEL, que deberá ser ratificada polo Pleno para que sexa finalmente concedía, é para contribuír ao funcionamento do seu servizo de asesoramento xurídico, laboral, económico-fiscal, de internacionalización e emprendemento.

 Inserción laboral de 1.000 persoas

O Goberno proporá achegar 50.000 euros a COGAMI, cos que contribuír ao funcionamento do Servizo de Intermediación Laboral, que ten en marcha este colectivo co obxectivo de promover a igualdades de oportunidades no acceso ao mercado laboral. A través desta prestación nos últimos 3 anos acadouse a inserción laboral de 1.000 persoas con capacidades diferentes ou de difícil acceso ao mercado de traballo.

1º centro de día para persoas con autismo

Tras acordar en Xunta de Goberno incrementar en 20.000 euros a achega a Raiolas debido aos estragos na gardería do Campus de Lugo por mor de incendios intencionados, o Goberno da Deputación propón ao Pleno aprobar a concesión dunha axuda dun total de 90.000 euros, cos que poder financiar a transformación destas instalacións provinciais, que o Executivo Provincial xa lle cedeu gratis, no 1º centro de día da provincia para persoas con autismo.

Máis obras polo canon

Tras liquidar a débeda do canon nos últimos anos e recibir 45.528 euros procedentes de baixas en obras dalgún Concello, o Presidente decidir conceder estes remanentes aos municipios nos que se deu esta situación. Trátanse de Carballedo (0,51 euros); A Fonsagrada-Negueira de Muñiz (12.393 euros); Guntín (1.931 euros); Monforte de Lemos (7.497 euros); A Pobra do Brollón (339 euros); Portomarín (2.864 euros); Quiroga (9.855 euros); Ribas do Sil (4.543 euros); O Saviñao (502 euros); Sober (1.250 euros) e Taboada (4.349 euros).

Campos Conde busca conceder este investimento a ditos Concellos para que sexan eles mesmos os que contraten máis actuacións en base as súas necesidades e non o faga a Deputación, axilizando deste xeito os procedementos administrativos en beneficio dos veciños.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com