O delegado territorial da Xunta en Lugo, Jose Manuel Balseiro, explicou que preto de 4.600 lucenses perceptores de pensións non contributivas da Seguridade Social recibirán o complemento extraordinario de 206 euros aprobado o xoves, polo Consello do Goberno galego.
Balseiro explicou que “esta axuda será ingresada de oficio a todos os beneficiarios que reúnan os requisitos nun pago único nos primeiros dez días do mes de xaneiro, sen necesidade de efectuar solicitudes ou levar a cabo ningún trámite adicional, isto é, de xeito automático na conta bancaria na que perciben a súa pensión habitualmente”.
Esta achega beneficiará a todos aqueles que reciban pensións de xubilación e invalidez na súa modalidade non contributiva, a persoas anciáns e enfermas con incapacidade para o traballo beneficiarias de axudas periódicas e ás persoas con minusvalía que perciben o subsidio de garantía de ingresos mínimos. Son, en particular, os perceptores do Fondo de Asistencia Social e do Subsidio de Garantía de Ingresos Mínimos.