Cando imos chamar as cousas polo seu nome?. Marta Rodríguez Engroba

Cando estamos a poucos días de rematar o ano, semella case obrigado facer balance do acontecido durante el.

No que atinxe a violencia de xénero, este balance, unha vez mais, arroxa un resultado macabro polo negativo. Demasiadas mulleres no 2016, coma en anos precedentes, foron asasinadas soamente por iso…..por ser mulleres.

 O mes de Decembro está a ser especialmente tráxico, chegando a contabilizarse tres asasinatos machistas nunha fin de semana.

 Con motivo destes asasinatos, novamente se elevaron moitas voces,  sen faltar, por suposto, esas que soamente o fan en ocasións “especiais”, ou, dito doutro xeito, esas que se non teñen público prefiren ficar caladas.

Esas voces arremetían contra as institucións, contra a xustiza, contra as forzas e corpos de seguridade, acusándoas de non protexer as vítimas da violencia de xénero coa suficiente efectividade e de expoñer, coa súa ineficacia, as súas vidas se toman a determinación de denunciar a o seu agresor.

 Eu, de todos e sabido, non son das que aforro reclamos e mesmo críticas cando considero que a asistencia ou as prestacións de calquera índole que unha muller maltratada precisa non son as axeitadas, ou son realmente insuficientes. Mais ben, e pola contra, adoito a ser moi rigorosa e moi clara a hora de denunciar as carencias e de esixir solucións reais, pero escoitando todas esas reivindicacións, non puiden evitar que o sangue me fervera e facerme a seguinte reflexión.

 Eu concordo en que, en moitas ocasións, en demasiadas, de feito, a lei non actúa coa contundencia que sería, na miña opinión, imprescindible e incuestionable,  para que o maltratador reincidise ou para disuadir de facelo a aquel que puidera telo en mente.

Sei tamén que as medidas de protección, e, en xeral, os medios destinados a axudar as mulleres maltratadas e as súas crianzas son insuficientes, e, mesmo, as veces, inexistentes, pero a miña pregunta e: Cando imos falar do caldo de cultivo, do piar mais sólido sobre o que se asenta a violencia de xénero?.

 Cando imos falar da hipocrisía, da dobre moral, das múltiples varas de medir dunha sociedade hipócrita, escrava do que dirán, que, ante unha situación de maltrato, por moi de preto que lle toque, prefire ollar a outro lado, finxir que non se decata,   e mesmo instar a propia vítima a calar, a agochar a súa situación, a non “dar que falar”, porque claro, xa se sabe, ademais que aquelo do que non se fala, sinxelamente non existe?.

 Cando imos ter a decencia de recoñecer que, en non poucas ocasións, a Policía, a xustiza, non chegan a ter coñecemento de múltiples e aberrantes situacións que numerosas  mulleres están a vivir, porque a total anulación e o pánico que están a sufrir, e que as deixa sen a mais mínima capacidade de reacción, lle temos que engadir a falsidade dun entorno, que, dicindo querela e “polo seu ben” lle aconsellan calar, e continuar a convivencia co seu verdugo, aínda sabendo que lle pode costar a vida, porque, xa se sabe, “algo sempre hai que aguantar”.

 Que doado é, e que pouca conciencia hai que ter, para saír a rúa, afanarse na procura dun sitio ben visible, e berrar e clamar por aquelo que nos non temos a decencia de facer, malia que poida costar unha vida!.

 E ben certo que unha cousa e predicar e outra dar trigo, e neste hai verdadeiros virtuosos, porque predican moito, pero, co seu silencio, coa súa hipocrisía, contribúen a que a violencia de xénero siga “in crescendo” , ou mais ben, e eu si que lle chamo as cousas polo seu nome, contribúen a matar. 

Marta Rodríguez Engroba.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com