O Centro Comarcal de Mondoñedo, situado no edificio Pazo Santo Tomé, acollerá o vindeiro día 13 de xaneiro ás 13:00 horas a presentación do estudo ‘Mondoñedo, un municipio para investir’ e a folla de ruta a seguir. Así o avanzou a alcaldesa, Elena Candia, quen precisou que ao acto acudirá un membro da consultora que realizou o traballo, así como membros do equipo de goberno.
Candia precisou que este documento, que xa foi presentado en cidades como Madrid ou Barcelona, foi encargado polo Concello de Mondoñedo para “poñer en valor e dar a coñecer todos os recursos que temos e captar dese xeito a inversión na nosa localidade”.
A rexedora avanzou que o estudo recolle unha pormenorizada relación dos recursos do municipio e as posibilidades empresariais que ofrece.
A situación xeográfica, a súa proximidade ao mar e aos fluxos turísticos, o rico patrimonio histórico e arqueolóxico, as tradicións culturais e a gastronomía, as actividades produtivas, os seus enclaves turísticos máis destacados; así como os recursos naturais da localidade, a dispoñibilidade de chan industrial a prezos asequibles, as instalacións industriais e inmobles ociosos (Ecar, edificios no rural, o antigo hospital…), incentivos públicos existentes para crear empresas ou as oportunidades relacionadas co potencial turístico e agroalimentario, son, entre outros, algúns dos asuntos que se abordan no estudo e se queren dar a coñecer.