A Deputación promove que os dous partidos do CB Breogán desta semana teñan fins benéficos

O Vicepresidente da Deputación, Álvaro Santos Ramos, o Presidente do Club de Baloncesto Breogán, Jesús Lázare Rincón, a Presidenta do Banco de Alimentos de Lugo, Amadora Núñez, o voceiro da Asociación Raiolas, Gonzalo Díaz, e os xogadores celestes Salva Arco e Jonathan Gilling presentaron este luns na sede do Banco de Alimentos de Lugo, as dúas novas accións sociais enmarcadas no contrato de patrocinio que a Deputación de Lugo asinou coa entidade deportiva.

Santos Ramos adiantou que “o CB Breogán organizará dúas xornadas de recollida de alimentos nos partidos que disputará no Pazo dos Deportes os días 28 e 30 de decembro. Ademais, adicará o partido do día 28 a difundir o labor do Banco de Alimentos, mentres que o partido do día 30 dedicarase a promover o traballo da Asociación Raiolas. En ambos partidos estará tamén á venda o calendario solidario que elabora esta asociación para sufragar unha parte dos custes das terapias e actividades que leva a cabo con persoas con Trastorno do Espectro Autista”.

O Vicepresidente animou, deste xeito, a todos os afeccionados que se acheguen a presenciar os encontros do Breogán do mércores 28 de decembro ás 20:45 horas, e do venres ás 21:00 horas no Pazo, a poñer o seu gran de area achegando alimentos non perecedoiros que serán entregados ás máis de 9.700 persoas beneficiarias de alimentos, e mediante a compra de calendarios solidarios. Para a súa confección, este ano Raiolas contou coa colaboración de diferentes clubs e deportistas lucenses.

 Axudas provinciais para o Banco de Alimentos e Raiolas

O Goberno da Deputación colabora estreitamente co Banco de Alimentos e a Asociación Raiolas para garantir o seu labor social. En concreto, o organismo provincial concedeu unha axuda de 6.000 euros ao Banco de Alimentos para sufragar os gastos de aluguer do seu almacén. Por outra banda, o Executivo Provincial acordou realizar unha achega de 90.000 euros á Asociación Raiolas para transformar a antiga gardería do Campus de Lugo no 1º centro de día da provincia para persoas con autismo. Esta axuda, que deberá ser ratificada polo Pleno, únese a subvención nominativa de 21.000 euros que recibe esta asociación para atención ambulatoria.

Contrato de patrocinio

A Deputación e o CB Breogán acordaron impulsar o fomento de valores sociais a través do deporte. Para iso, cederanse gratis 15.000 entradas aos partidos do Breogán a colexios públicos, asociacións sen ánimo e colectivos de persoas con capacidades diferentes da provincia; haberá visitas guiadas aos adestramentos do Breogán, que tamén se levarán a distintos lugares públicos do rural lugués; organizaranse actividades sociais como visitas dos xogadores aos colexios, centros de maiores, centros de saúde, hospitais, especialmente, ás unidades onde hai nenos…; haberá partidos con fins benéficos, nos que se recadarán fondos para colectivos sociais; así como encontros mixtos con xogadoras da provincia; celebraranse charlas sobre o deporte como elemento de inclusión social… O equipo participara de xeito activo en campañas contra a violencia de xénero, loita contra o cancro, días solidarios ou de conmemoración, etcétera.

 

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com