Estudantes de Psicoloxía da UNED en Lugo participan nun curso destinado a formalos para impartir obradoiros educativos a alumnos de Secundaria e Bacharelato sobre a erradicación dos estigmas que existen arredor dos trastornos mentais.
Esta actividade, que se desenvolverá tamén mañá mércores na Aula de Formación da Deputación, forma parte do proxecto Mind the mind, combater o estigma do trastorno mental promovido pola Federación Europea de Asociacións de Estudantes de Psicoloxía, que en España coordina o lucense Manuel Iglesias Soilán, encargado de impartir o taller.
Que é Mind the mind
O obxectivo desta campaña é concienciar aos rapaces e rapazas sobre os problemas de saúde mental, promover o debate para eliminar estereotipos e fomentar a empatía coas persoas afectadas por trastornos metais como a depresión, a ansiedade laboral, a esquizofrenia ou o trastorno bipolar.
Mind the mind é un proxecto a nivel europeo que inclúe obradoiros interactivos nos que se emprega material especialmente deseñado por profesionais europeos da educación e da psicopatoloxía para estudantes de entre 13 e 18 anos. Inclúe actividades baseadas en xogos de rol e de estimulación, vídeos e conversacións dinámicas.
España é un dos 26 países europeos que participan nesta campaña, que se pon en marcha por terceiro ano. Nesta ocasión, grazas á boa acollida do proxecto nas anteriores edicións, os obradoiros educativos adaptáronse para que tamén podan expoñerse a alumnos de ata 11 anos, e a adultos de máis de 18.