“Non é posible a recalificación de 525.000 metros cadrados de solo rústico de especial protección forestal e agropecuaria. A Xunta informou desfavorablemente pero o goberno municipal optou por manter este urbanizable, polo que en 2011 a Xunta volveu informar desfavorablemente o chamado 5%. A finais de 2012 o goberno municipal remitiu de novo a documentación e en abril de 2016 o goberno municipal solicitou outro informe da Xunta para coñecer os cambios necesarios para aprobar ese 5%, cuxo resultado volve ser negativo con respecto a Fixós”. Declaraba hoxe Carlos Portomeñe voceiro de ACE-EU.
“A nova área de expansión creada de xeito artificial mesmo permite que se constrúa en terreos que actualmente ocupa o campo de golf, debido a que no núcleo rural dun pouco máis abaixo contemplan como construción tradicional unha nave para ganado construída con ladrillo que evidentemente non o é” declarou Portomeñe. O propio informe da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio deste 3 de outubro de 2016 confirma “que no urbanizable S-1.R modificase a clasificación de solo urbanizable a área de expansión de núcleo rural pero a ampliación do núcleo Reboredo de Abaixo susténtase nunha única edificación que non é tradicional polo que non procede a dita delimitación”.
O voceiro de ACE-EU lembrou que ” existe unha investigación xudicial en marcha polos dous urbanizables e que no marco desa investigación está imputada a ex concelleira de urbanismo María Novo”