O Presidente, Darío Campos Conde, xunto ao Vicepresidente, Álvaro Santos Ramos, ao Presidente de ASPNAIS, José Reigosa García, e a outros membros e usuarios da Asociación de Pais ou Titores de Persoas con Discapacidade Intelectual de Lugo, presentou este mércores os novos obsequios institucionais, que se entregarán a partires de agora en todo os eventos nos que teña participación a Deputación de Lugo (dende actos institucionais de índole social, cultural ou deportivo, entre outros). Son pezas artesanais todas elas elaboradas polos propios usuarios de ASPNAIS nos obradoiros de carpintería e cerámica que promove e acolle este colectivo social.
Campos Conde destacou que “creo que cando facemos un agasallo o importante non é o que se dá, senón o porque se dá e queres dicir con el. Decidimos aplicar esta mesma filosofía vida nos obsequios institucionais que, como todas as administracións públicas, ten este organismo provincial, e que, como o resto, non necesita ningunha ostentosidade para premiar ou recoñecer o esforzo das persoas. Con eles, o que queremos trasladar son dous claros mensaxes: “que esta institución é unha Deputación coas persoas, onde cada unha das súas iniciativas é para favorecer a igualdade de oportunidades e promover a xustiza social. Por iso, os obsequios desta institucións son elaborados por auténticos profesionais no eido artesán, que forman parte da grande familia de ASPNAIS”.
A segunda mensaxe é “que temos unha provincia chea de oportunidades económicas, con riquezas en cada un dos 67 Concellos, que temos que dar a coñecer, a descubrir e potenciar. De aí, estas figuras coa silueta da provincia, que recollen o mar e as praias de Lugo, destacados recursos patrimoniais, (non todo porque é imposible, pero si quixemos recoller potencialidades dende o norte ao sur lugués), como a Muralla Romana, os Camiños ou as Pallozas do Piornedo; así como os nosos produtos autóctonos, como o marisco ou o viño da Ribeira Sacra”.
Con esta colaboración, o Goberno Provincial contribúe, ademais, á promoción das pezas de ASPNAIS. “Este colectivo non vive só de subvencións, senón do traballo que levan a cabo os seus profesionais. Con estas pezas, demostramos que todos temos capacidades diferentes e todos somos excepcionais”, subliñou o Vicepresidente e Deputado de Benestar.
Primeiras 825 pezas
Por iniciativa do Goberno Provincial, a Deputación asinou un convenio con ASPNAIS de 18.000 euros para adquirir as primeiras 825 pezas-obsequios do organismo provincial, elaboradas polos usuarios deste colectivo sen ánimo de lucro, que traballa para integrar social, educativa e laboralmente a persoas con discapacidade intelectual. Por este motivo, organiza obradoiros de cerámica ou carpintería, entre outros, onde se forman os usuarios. É nestes cursos, onde se realizarán os obsequios da Deputación.
Máis colaboración con ASPNAIS
José Reigosa agradeceu e destacou a “colaboración” que sempre tivo a Deputación de Lugo con ASPNAIS, que “se intensificou de xeito notable nos últimos anos”. Deste xeito, a colaboración de hoxe súmase a outros moitos proxectos conxuntos do Goberno da Deputación e ASPNAIS. Por exemplo, a que manteñen para contribuír ao programa de intervención psicolóxica en persoas con discapacidade intelectual. Unha das axudas máis significativa é a cesión gratuíta do antigo hospital San José, onde ASPNAIS constrúe a súa nova sede. Permitirá que a asociación duplique os seus servizos, pois gana un novo espazo de 10.000 metros cadrados. Poderán atender a 300 persoas con capacidades diferentes de toda a provincia, ofrecer 5 apartamentos para as familias, así como incrementar entre 65 e 70 as prazas residenciais.