O Concello publica hoxe a lista de empresas e asociacións sen ánimo de lucro seleccionadas no (Con) trato feito!, o plan de emprego 100% municipal. Todos os interesados poden consultar xa a lista de beneficiarios no Boletín Oficial da Provincia (BOP) de hoxe, así como na páxina web municipal, www.lugo.gal, e no taboleiro de anuncios da entidade local. Así mesmo, pódese consultar no Servizo de Información Cidadá 010.
En total, foron seleccionadas 75 empresas, para as que o Concello destina preto de 916.000 euros, e 12 colectivos, para os que destina preto de 218.600 euros. Para a primeira das liñas son subvencionables o 70% dos custos salariais e para a segunda, o 100%. Trátase dun plan que intenta axustar a oferta á demanda real, co que o Concello busca facilitar a empregabilidade de calidade e en boas condicións salariais no municipio.
O prazo de contratación dos desempregados e desempregadas será de 10 días naturais a contar dende mañá, é dicir ata o 13 de xaneiro. As empresas e asociacións sen ánimo de lucro beneficiarias deberán entregar nese mesmo prazo a documentación de aceptación da subvención e de xustificación da contratación efectuada.
Así mesmo, mañá celebrarase unha sesión informativa no Salón de Actos do CEI-NODUS, ás 11:00 horas, relacionada coa execución deste plan, á que acudirán a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto. Tamén se darán instruccións e resolveranse as dudas xurdidas ás empresas e colectivos respecto ao mesmo e ás contratacións a realizar.