O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, informou este mércores que o Goberno Provincial leva 545 actividades culturais a 56 Concellos da provincia. “Facémolo a través de 407 asociacións da provincia, que resultaron beneficiadas das axudas de 400.000 euros, que puxemos en marcha dende a área de Cultura. Como novidade, este ano incorporamos cláusulas sociais ás bases desta convocatoria de axudas para favorecer a celebración de actividades en núcleos rurais, dinamizándoos socialmente; así como para primar as programacións dirixidas aos colectivos máis vulnerable, como, por exemplo, a persoas con capacidades diferentes ou maiores. Todo isto, dentro da nosa aposta por converter a esta institución, nunha Deputación coas persoas, social e rural”, subliñou Campos Conde.
E é que, por primeira vez, puntuáronse, favorablemente, os proxectos para actividades dirixidas á terceira idade, ás persoas con capacidades diferentes, ás mulleres, cativos ou á mocidade. Ademais, tívose en conta a dispersión territorial e poboacional para primar aquelas programacións que se levan a cabo no rural. Tamén se valorou o impacto e repercusión da actividade cultural entre a sociedade ou o fomento da cooperación entre as distintas asociacións culturais. Todo isto con cláusulas sociais.
Favorécense aos colectivos máis vulnerables e ao rural
Entre os colectivos que percibirán axudas par desenvolver actividades están: Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña, que recibe unha axuda para o funcionamento dunha aula de cultura en Cervo; a Banda de Gaitas de Caurel para clases de música en Folgoso do Courel; a APA do CPI de Cervantes para cursos de informática; a Asociación de Pais de Alumnos do CEIP de San Xoán de Becerreá para obradoiros sobre as emocións ou mecanografía; a Asociación de Mulleres Rurais a Carballeira do Páramo para cursos de restauración ou pintura; a Asociación Cultural Abrente para actividades de música e baile tradicional nas Nogais; a Asociación de Mulleres de San Bartomeu de Insua para obradoiros de liño, lá ou tapices, entre outros, en Vilalba; a Asociación de Promoción e Integración Xitana de Lugo para cursos sobre a lingua, exposicións ou obradoiros; a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Monforte para o desenvolvemento dun proxecto cultural na comarca de Lemos; a Asociación de Xubilados de Taboada para a organización de cursos e eventos culturais; a Asociación de Persoas Xordas e Maiores de Lugo para encontros e xuntanzas; a Asociación de Síndrome de Doín para o funcionamento dun grupo de teatro; a Asociación A Mariña Cogami para obradoiros de fotografía e informática en Ribadeo; a Asociación de Pensionista e Xubilados de Riotorto para actividades culturais; AUXILIA de Monforte de Lemos para actividades culturais de integración; a Fundación ANADE para cursos de formación de teatro e fotografía, entre outros centos de exemplos.
Listaxes cos beneficiados
Logo de que o Executivo aprobase a resolución estas subvención na pasada Xunta de Goberno o Boletín Oficial da Provincia publicou as listaxes completas cos beneficiados, que se poden consultar nas seguintes ligazóns: http://bit.ly/2j3NYaH (actividades culturais permanentes) e http://bit.ly/2iZPZRf (eventos puntuais). As subvencións contemplan 2 liñas de actuación: axudas de entre 300 e 8.000 euros para programacións de carácter anual, que supoñen a principal actividade da entidade asociativa; e axudas de entre 300 e 6.000 euros para actividades con carácter puntual.
Distribución por zonas
A Mariña concedéronse 137 axudas por un importe total de 89.680 euros, que reciben 91 colectivos dos seguintes 14 Concellos: Alfoz (3 asociacións); Barreiros (7 asociacións); Burela (10); Cervo (7); Foz (18); Lourenzá (1); Mondoñedo (13); A Pontenova (1); Ribadeo (8); Riotorto (7); Trabada (2); O Valadouro (3); Viveiro (8); e Xove (3).
Zona Centro, concedéronse 244 subvencións por un valor de 180.475 euros, que reciben 189 colectivos dos seguintes 18 Concellos: Abadín (2 colectivos); Begonte (7); Castro de Rei (8); Castroverde (3); O Corgo (6); Cospeito (5); Friol (2); Guitiriz (3); Guntín (1); Meira (3); Outeiro de Rei (8); A Pastoriza (4); Pol (4); Portomarín (1); Rábade (3); Vilalba (23); Xermade (11); Lugo (95).
Comarca de Sarria concedéronse 31 axudas de 25.499 euros, que reciben 26 colectivos dos seguintes 6 Concellos: O Incio (4 colectivos); Láncara (3); Paradela (1); O Páramo (1); Samos (4); e Sarria (13 colectivos).
Comarca da Ulloa concedéronse 20 axudas de 16.662 euros, que reciben 15 colectivos dos seguintes 3 Concellos: Antas de Ulla (7 colectivos); Monterroso (5); Palas de Rei (3 colectivos).
A Montaña concedéronse 39 axudas de 28.928 euros, que reciben 27 colectivos dos seguintes 8 Concellos: Baleira (3 colectivos); Baralla (3); Becerreá (4); Cervantes (3); Folgoso do Courel (3); A Fonsagrada (4); Negueira de Muñiz (3); As Nogais (4).
Zona Sur concedéronse 74 axudas de 55.935 euros, que reciben 59 colectivos dos seguintes 10 Concellos: Bóveda (1 colectivo); Chantada (15); Monforte de Lemos (18); Pantón (3); A Pobra do Brollón (2); Quiroga (9); Ribas de Sil (2); O Saviñao (2) Sober (3); e Taboada (4 colec tivos).