A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, fixo esta maña antes de entrar na xuntanza informativa do programa (Con) trato feito!, unhas declaracións nas que salientou o éxito do programa e nas que se felicitou polo éxito da convocatoria, aínda que declarou que o mesmo é “a todas luces insuficiente porque estamos vendo que queda moitas entidades sen ánimo de lucro e empresas fora”.
Méndez incidiu que “aínda que as competencias propias en materia de emprego están na Comunidade Autónoma” ao Concello preocúpalle xa que “hai moitos desempregados lucenses e todo o que lle preocupa aos cidadáns de Lugo, preocúpalle tamén ao Goberno Municipal”.
Tamén salientou que algunha forza política que o ano pasado criticaba o Plan de Emprego este ano está solicitando un incremento de partida, do que se deduce que o único que están a buscar é o titular do día”. A alcaldesa destacou que se van contratar a 87 persoas e “iso é unha boa noticia, xa que para saír da crise é necesario xerar postos de traballo”.
Representantes das 87 empresas e asociaciacións beneficiarias do (Con) trato feito! tomaron parte nunha xuntanza informativa que tivo lugar este mércores no Salón de Actos do CEI-NODUS e na que técnicos municipais lles detallaron os seguintes pasos no desenvolvemento deste primeiro plan de emprego 100% municipal.
A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, quen se achegou a saudar aos seleccionados do plan acompañada da Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, subliñou a preocupación do Goberno Local polo emprego, independentemente de non ter competencias propias na materia, que residen na Comunidade Autónoma, ao tempo que adiantou que con este plan de emprego se intentar aportar “un gran de area” e unha esperanza aos desempregados lugueses.
A partir de hoxe e ao longo de 10 días naturais, é dicir, ata o 13 de xaneiro, será o prazo de contratación dos desempregados e desempregadas, que asinarán un contrato por un período dun ano. As 75 empresas e 12 asociacións seleccionadas deberán entregar neste mesmo prazo a documentación de aceptación da subvención e de xustificación da contratación efectuada.
O Concello destina preto de 916.000 euros para as empresas e preto de 218.600 euros para os colectivos. Para a primeira das liñas son subvencionables o 70% dos custos salariais e para a segunda, o 100%. Trátase dun plan que intenta axustar a oferta á demanda real, co que o Concello busca facilitar a empregabilidade de calidade e en boas condicións salariais no municipio.
ACE-EU
O grupo municipal Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida cuestionou a actual resolución das empresas beneficiarias do Programa “[Con]trato feito”. ACE-EU ve “éticamente inxustificable e cuestionable dende o punto de vista legal que se financie con cartos da administración pública contratacións discrecionais realizadas por empresas privadas e asociacións, sen que se realice directamente dende o Concello de Lugo un proceso de selección e asignación a cada entidade dos traballadores e traballadoras en situación de desemprego atendendo a criterios obxectivos”.