O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, deu conta esta mañá das obras executadas con cargo á liña de subvencións que Turismo de Galicia puxo en marcha e que destinou aos concellos interesados en mellorar a accesibilidade e sinalización dos seus recursos turísticos no medio rural.
Afondando nesta cuestión indicou que na provincia de Lugo lévanse a cabo distintas actuacións con cargo a estas liña de axudas, máis en concreto, beneficiáronse 21 municipios nos que se investiron preto de 316.000 euros. Na comarca da Ulloa: Palas de Rei; na Mariña os concellos de Xove, Foz, Alfoz, Trabada, Mondoñedo, O Vicedo, Lourenzá e Barreiros; na Terra Chá: Begonte, Abadín e Vilalba; na comarca central: Outeiro de Rei, Guntín, Portomarín, e Lugo capital; en Lemos: Sober e Monforte; e tamén recibiron apoios os municipios da Chantada, Folgoso do Courel e Paradela.
Recursos turísticos máis accesibles
As obras van desde a construción, ampliación ou mellora de aparcamentos para o acceso aos recursos turísticos, á pavimentación dos accesos, pasarelas, ramplas e eliminación de barreiras arquitectónicas, a construción, rehabilitación ou mellora das instalacións que contribúan a mellorar os accesos e circulación dos visitantes e a dotación de equipamentos das referidas instalacións, a rehabilitación ou mellora da accesibilidade dos espazos naturais e a dotación de equipamentos nestes, así como a sinalización, información visual e información táctil.
Aparcadoiro en Begonte
No ámbito destas actuacións o representante da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, acompañado do alcalde de Begonte, José Ulla Rocha, supervisaron o novo aparcadoiro da praia fluvial que foi obxecto de subvención ao abeiro desta liña de axudas por parte de Turismo de Galicia por importe de 36.885,92 euros.
O delegado territorial, agradeceu o compromiso de Turismo de Galicia coa provincia de Lugo e indicou que medias como estas ademais de contribuír a consolidar a visibilidade dos espazos naturais e recursos patrimoniais máis característicos, permite potenciar o medio rural incrementando así as súas cifras de visitantes.