O Sindicato Labrego Galego da Terra Chá organiza esta semana dúas xornadas sobre “Pastoreo no sector lácteo”. A primeira delas terá lugar na Casa de Cultura de Meira, mañá martes 10 de xaneiro; e a seguinte será no propio local do SLG en Vilalba, o venres 13 de xaneiro. Ambas xornadas comparten o mesmo programa que estará composto por diversas palestras arredor da produción leiteira en base a pastos.
Así, será a secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba Seivane, quen se encargue de comezar falando dos “Modelos produtivos na Galiza”. Seguirá Eloi Villada, da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, cunha intervención baixo o título “É posible a produción leiteira en base a pastos na Galiza?” Finalmente, tres relatores compartirán experiencias prácticas: “O cambio dun modelo intensivo a un extensivo”, por Óscar Morado, da SAT Margá (Guitiriz); “Unha vida de pastoreo”, por Daniel Veiga Legaspi, da Gandería Patalarga (A Pastoriza); e “A produción de leite ecolóxico, un paso máis”, por Ángel Rivas Lamas, da Casa Codesal (Friol).
Xa en horario de tarde, ambas xornadas rematarán coa visita a unha granxa de leite que traballa en réxime de pastoreo. No caso de Meira, será a Gandería Patalarga e, en Vilalba, a SAT Margá.
Con estas xornadas, o Sindicato Labrego Galego quere promover un modelo produtivo no sector lácteo máis acorde ás potencialidades da Galiza, baseado nunha alimentación do gando en base a pastos e forraxes que incide, necesariamente, nunha maior calidade do produto final, na redución dos custes de produción nas granxas, unha maior fortaleza diante da volatilidade nos prezos dos consumos agrarios e un aumento da rendibilidade final da produción leiteira.