Lugonovo insta ao goberno a tomar medidas sobre o proxecto da Fábrica da Luz

O 2017, na súa estrea, parece darlle continuidade ao lastre da Fábrica da Luz  e á incerteza que planea sobre a viabilidade do proxecto, declararon os edís de Lugonovo.

“A desfeita medioambiental que sufriu o treito do río no que se atopan as instalacións foi un máis dos despropósitos que se levan cometido para poñer en marcha esta polémica concesión, aínda hoxe, de futuro indeterminado e sobre a que os edís de Lugonovo pedirán información na vindeira Comisión de Desenvolvemento Sostible”.

O portavoz da formación considera que “xa vai sendo hora de que cada administración asuma o seu papel e actúe con rigor. Se o maior compromiso para a conservación do Miño recae na Confederación Hidrográfica, debe ser esta quen tome a última decisión, nun sentido ou noutro. O organismo fluvial debe posicionarse e aclarar, dunha vez, se a proposta de Inca é asumible, se precisa correccións ou se non é válida. Non pode calar permanentemente, contribuíndo aínda máis á paralización do municipio. Xa está ben de tomarlle o pelo aos veciños con esta prórroga indefinida que non nos leva a ningún sitio excepto ao prexuízo ecolóxico, económico e social”.

Fernández Rocha afea tamén ao goberno por conformarse con este silencio. “Cremos que a espera foi suficiente e que agora o executivo debe tomar a iniciativa e esixirlle á Confederación que se pronuncie para que abra a porta, coas consideracións que estime oportunas, ou para que a peche definitivamente”.

“Co resultado actual, está moi claro que todas as entidades que, dunha ou doutra maneira, están a intervir na execución ou na supervisión dos traballos, fracasaron nas súas responsabilidades. Deixáronse levar pola improvisación e o desleixo, unha estratexia coa que cómpre rachar definitivamente”.

Na batería de cuestións que veñen de presentar, os concelleiros de Lugonovo consultarán tamén se houbo algún avance no recurso do Concello contra a sanción do Ministerio, si se produciron novas conversas coa Confederación ou mesmo se o departamento xurídico contempla a posibilidade de, á vista dos acontecementos, anular a licitación a Inca.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com