O Garañón volve ao primeiro plano da actualidade, da man de dúas sentenzas do TSXG que non dan a razón ao concello. Coñecida esta mala nova, a alcaldesa Lara Méndez convocou aos partidos da oposición para saber cal era a súa posición de cara a enfrontar este serio problema, nomeadamente para as arcas do concello. Logo da xuntanza soubemos das diferentes postura duns e outros.
O Goberno Municipal por boca da Alcaldesa, declarou que antes de tomar ningunha determinación quería facer unha reunión cos técnicos do concello para que informen polo miúdo de como ven eles a situación e tomar a decisión de presentar, ou non, un recurso de casación perante o Tribunal Supremo.
Tamén o PP por medio do seu voceiro declarou que “a alcaldesa leva perdidos case dous anos en buscar unha saída para esta urbanización porque se desentendeu dunha cuestión que ten enriba da mesa dende a súa chegada”.
“Non estamos en condicións de perder un día máis”, aseverou o popular, quen subliñou que “se durante o debate plenario en 2015 xa diciamos que podería ser tarde, imaxínense agora que temos outra dobre sentenza en contra dos intereses municipais”. Aínda así, Castiñeira avogou por “buscar solucións en lugar de continuar esperando”
Santiago Fernández Rocha de Lugonovo declarou que “o axeitado agora sería convocar con urxencia á Comisión de Planeamento para debater, de forma conxunta, “a mellor solución que se lle pode dar a este conflito e que, para Lugonovo, pasa, en todo caso, primeiramente pola defensa dos intereses dos lucenses e pola demolición do edificio”
O Voceiro de Lugonovo declarou que “O entramado xudicial que rodea a causa parécenos moi complexo pero tamén cremos que o realmente importante é que o executivo inicie canto antes as negociacións co construtor para tratar de diminuir o prexuízo económico que implica eliminar o inmoble das costas do Parque. Resulta fundamental definir tanto a estratexia política a seguir coma o procedemento máis axeitado para protexer adecuadamente o interese xeral. Sempre denunciamos que o Garañón é ilegal ademais de ilegalizable, nunca contará co visto bo xurídico, un feito que conduce, irremediablemente ao seu derrubamento”.
Para o BNG- AA esta sentencia confirma que queda denegada a autorización do proxecto de urbanización da Unidade de Actuación CS-5, máis coñecida como Garañón. Rubén Arroxo lembrou que o BNG única forza, con representación na corporación, que se opuso, nos mandatos pasados, ao urbanismo especulativo”e sinalou que “o Garañón é o máximo símbolo da especulación na cidade ”. Arroxo lembrou tamén “o veto que o BNG marcou para que o representante máximo deste tipo de actuacións volvese ser alcalde desta cidade” .
Cidadáns quere que Lara Méndez, aclare se ten pensado acatar estas sentenzas ou, pola contra, recurrilas, así como o alcance das indemnizacións ás que habería que facer fronte e repróchalle á alcaldesa socialista que non o fixese na Xunta de Voceiros celebrada esta mañá sobre este asunto.
O grupo municipal de Cidadáns considera que “só se deben recurrir estas sentenzas ante o Tribunal Supremo se existen fundamentos xurídicos que avalen esta decisión”, En ningún caso, indica Jesús Expósito, como unha “estratexia política”
Para ACE-EU, o goberno local xa debería ter retirado hai un ano o seu recurso contencioso contra os informes autonómicos que imposibilitaban as licencias ao proxecto de urbanización nas costas do Parque Rosalía pola súa afectación negativa grave á contorna de bens protexidos,” salientou Portomeñe.
ACE-EU reitera que o goberno local “debe asumir que o único camiño posible acorde ao interese público é a restauración canto antes da legalidade nas costas do Parque Rosalía e lembra que segue habendo responsabilidades penais en xogo con respecto a este asunto”.