¿Quen sabe que Recatelo é o barrio máis antigo de Lugo ou que o de San Roque xurdiu trala advocación que os veciños lle fixeron ao Santo despois dunha peste? Mesmo que o Museo Provincial conserva o azulexo que anunciaba a entrada ao Barrio do Paxaro, ao pé da Porta Falsa, e que fora elaborado por unha fábrica de cerámica sita neste enclave.
Os edís de Lugonovo entenden que a bagaxe histórica e urbanística da cidade é un valor engadido do que goza o patrimonio local e que a súa divulgación pode contribuír ao seu atractivo turístico pero tamén á consolidación da identidade propia.
“É un dos nosos tesouros, a pegada que a nosa procedencia deixou no que agora somos. Unha forma de coñecer os inicios, de identificarnos e de entender o modo no que evolucionamos”, explica o voceiro, Santiago Fernández Rocha.
Por iso propoñen dotar de sinalética aos barrios e aos edificios máis emblemáticos da capital, cunha serie de paneis didácticos nos que se traslade á cidadanía aqueles datos relevantes sobre a súa orixe, polos que destaquen tanto as construcións como as localizacións nas que se atopan.
Os concelleiros de Lugonovo cren que estes soportes se axeitarían igualmente, á perfección, para difundir os contidos relativos aos roteiros culturais que o Grupo Municipal xa propuxo en 2015.
“Tratábase de trasladar á poboación, de xeito lúdico e instrutivo, a riqueza artística e arquitectónica da que dispoñemos, superando o protagonismo tan especial que ten a época romana en Lugo e, para iso, suxeríamos a creación de seis roteiros que destacaran as distintas etapas que atravesou a cidade. Un compendio histórico, á disposicións de veciños e visitantes que os conecte coa realidade municipal e a visibilice”, destacou Santiago Fernández Rocha.