Pastores de Galicia o selo de calidade da carne ovina galega que apoia a Deputación

O Vicepresidente da Deputación, Álvaro Santos, participou este venres na praza de Abastos de Lugo na presentación da marca de garantía Pastores de Galicia. Este novo selo, impulsado por OVICA, distingue no mercado a carne de cordeiro e de cabrito producida en Galicia e servirá para incrementar o consumo deste tipo de alimento, que conta na provincia lucense coa maior porcentaxe de produtores de Galicia.

Esta iniciativa enmárcase nunha liña de colaboración máis ampla do goberno da Deputación coa Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (OVICA), coa que renovará nos vindeiros meses o convenio de colaboración, en virtude do cal o organismo provincial achegará unha axuda de 3.000 euros para o desenvolvemento e valorización da gandaría caprina e ovina.

“Queremos que se vendan os nosos produtos autóctonos de calidade e, para iso, temos que poñelos en valor e dalos a coñecer con iniciativas como a que hoxe presentamos aquí”, sinalou o Vicepresidente durante a presentación. De aí, engadiu, “a importancia de apoiar un sector en auxe coma este para combater o despoboamento no rural da provincia a través dun desenvolvemento económico e sostible”.

O organismo provincial colaborou no lanzamento da marca Pastores de Galicia co financiamento do acto de presentación pública, que incluíu un showcooking e degustación para dar a coñecer as propiedades da carne, material gráfico como carteis e dípticos, así como a elaboración dun vídeo divulgativo, que foi creado pola Fundación TIC.

OVICA, que ten a súa sede na capital lucense, conta na actualidade con 174 socios en Galicia, dos cales 84 son da provincia de Lugo. O colectivo agrupa ao 50% dos produtores profesionais de ovino e cabrún de Galicia, que suman un total de 27.250 cabezas.

Vídeo gravado en explotacións lucenses

O vídeo que promociona a marca Pastores de Galicia foi gravado por un equipo da Fundación TIC en varias explotacións da nosa provincia, en concreto, nos Concellos de Friol e Guntín. Nel amósase o xeito especial de crianza e alimentación natural baseado no pastoreo, que empregan os criadores lucenses integrados nesta marca.

Precisamente, con este audiovisual os responsables do selo queren por en valor e darlle maior visibilidade a esta práctica natural de crianza que, segundo apuntan, marca a diferencia coa que se está a empregar noutras zonas produtoras de gando ovino e cabrún.

 Marca de garantía

A marca “Pastores de Galicia” ten por obxectivo recoñecer o valor do “año e cabrito do país” producido en Galicia dun xeito artesanal e propiciar a profesionalización de todo o sector, de xeito que os gandeiros e gandeiras acaden unha maior renda, que poida repercutir en novos investimentos nas súas granxas. Ademais, vén a paliar o descenso tanto do consumo como da produción deste tipo de carne que se produciu nos últimos anos, debido á falta de relevo xeracional entre os produtores.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com