OBXECTO
É obxecto desta convocatoria a regulación dos premios da Competición Internacional de: Longametraxes (Sección Oficial), Cine Galego (Seccións Paralelas), Documentais (Seccións Paralelas) e Curtametraxes (Sección Paralela) da 39ª edición da Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo (España), organizada polo Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá e baixo os auspicios da Xunta de Galicia, Deputación Provincial de Lugo, Concello de Lugo e Universidade de Santiago de Compostela (Campus de Lugo), que terá lugar do 18 ao 23 de setembro de 2017.
DOTACIÓN ECONÓMICA
A Competición Internacional da 39ª edición da Semana Internacional de Cine de Autor estará dotada de 2.200 euros en premios, (repartidos nas súas distintas seccións con cargo á aplicación orzamentaria do certame e suxeitos ás vixentes retencións que marca a lei.
Poderán concursar as persoas físicas ou xurídicas con capacidade de obrar (produtores, directores, distribuidores) que posúan o control legal sobre as obras que presenten a concurso.
A persoa ou entidade (ou o seu representante) que asine o formulario autorizando a inscrición será considerado polo Festival como único interlocutor válido para tratar aspectos relacionados coa participación da película no evento e como único responsable fronte a outras persoas ou empresas que participaran na produción da película.
REQUISITOS DAS PELÍCULAS
Deberán ter sido producidas en 2016 e 2017. Non poderán terse exhibido nin editado comercialmente en España en salas públicas (excepto en festivais), televisión, VoD ou Webs antes do 18 de setembro de 2017.
As obras terán que ser de ficción (imaxe real ou animación) con máis de 60 minutos de duración en longametraxes. O mesmo requisito rexerá para os documentais. As curtametraxes non poderán exceder de 30 minutos. Será imprescindible o subtitulado en castelán naquelas copias cuxo idioma orixinal sexa galego, inglés ou outro calquera.
As películas que non cumpran este requisito quedarán fóra desta convocatoria.
PREFERENCIAS
Terán unha ESPECIAL PREFERENCIA aquelas películas que traten os xéneros e temas seguintes:
Cine Independente.
Gastronomía.
Camiños de Santiago (Francés e Primitivo).
País invitado: PORTUGAL.
Cine Galego.
O mundo dos Museos (Arte e Pintura).
INSCRICIÓN NO CONCURSO
INSCRICIÓN ONLINE:
Para inscribir a película deberán facelo a través do formulario de inscrición da plataforma dixital correspondente.
O prazo de inscrición online pecharase o 22 de maio de 2017 ás 24:00 horas (hora local de Lugo).
INSCRICIÓN TRADICIONAL:
Poderase inscribir a película solicitándoo sempre a sicalugo@mundo-r.com
O prazo de inscrición neste caso pecharase o 22 de maio 2017 ás 14:00 horas (hora local de Lugo).
DOCUMENTACIÓN PRECEPTIVA:
Para completar a inscrición, deberán incluírse os seguintes datos e materiais:
Datos de contacto do propietario dos dereitos e cesión de dereitos de exhibición na Semana de Cine.
Ficha filmográfica da película (ficha técnica, artística, sinopse, duración, etc).Unha copia da película en DVD, con subtítulos en castelán (imprescindible se o idioma orixinal é galego, inglés ou outro calquera). Deberá remitirse por correo postal a:
Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo. Ronda de la Muralla, 139 – 2º 27004 Lugo – España
Tráiler. En caso de non ter tráiler, pode enviarse unha selección de imaxes extraídas da película (mínimo: 30 segundos).
Fotogramas de alta resolución da película, en formato dixital (300 dpi ou máis). Fotografía de alta resolución do director (ou directores), en formato dixital (300 dpi ou máis).
A organización da 39 SICA non manterán correspondencia (nin oral nin escrita) acerca dos orixinais enviados. Unicamente o fará a través da correspondente distribuidora (dixital ou tradicional).
OBRIGACIÓNS DOS INSCRITOS
A inscrición na 39ª Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo implicará:
A total aceptación das presentes bases por parte de todos os participantes e os seus axentes e representantes.
A autorización para que, en caso de non ser seleccionado para a competición, a organización do festival poida proxectar a súa película nunha das seccións paralelas non competitivas, beneficiándose da publicidade e promoción do festival.
A autorización para divulgar materiais das películas inscritas (fotogramas, carteis, fichas, fragmentos de guión, textos de prensa, etc.). Os participantes autorizan a difusión de ata tres minutos de imaxes de ditas películas en calquera medio de comunicación.
A aceptación de que, en caso de obter algún dos premios outorgados no concurso, se incluirá unha referencia escrita á concesión de dito premio ao comezo de todas e cada unha das copias da película que se distribúan para a súa exhibición en salas comerciais e/ou en certames audiovisuais, así como en todo o material informativo e promocional impreso (press-books, carteis, etc.). Dita referencia consistirá nun texto co tipo de premio outorgado, acompañado invariablemente da imaxe corporativa (logotipo e nome) do Festival.
SELECCIÓN
Unha comisión de selección designada polo Comité Organizador da Semana de Cine terá como cometido asesorar en relación coas películas que competirán nas distintas seccións. Así mesmo, poderá propoñer aquelas películas non seleccionadas para a competición pero que considerase de especial relevancia para a súa exhibición en ciclos paralelos.
A selección realizarase tendo en conta que o concurso é unha mostra das producións máis destacadas do cine independente de todo o mundo, apostando polas películas máis tematicamente comprometidas e formalmente innovadoras.
En calquera caso, a decisión final das seccións competitivas corresponderalle ao comité de dirección.
OBRIGACIÓNS DOS SELECCIONADOS
Os participantes cuxas películas sexan seleccionadas para as seccións competitivas estarán obrigados a cumprir as seguintes disposicións e comportamentos:
As produtoras e distribuidoras das películas seleccionadas facilitarán todo o material necesario para a elaboración do catálogo da Semana Internacional de Cine Autor que lles sexa solicitado pola organización do mesmo.
As produtoras e distribuidoras cederán os dereitos para a exhibición pública das súas películas sen ningún custo para a organización.
Facilitarán gratuitamente á organización a copia de proxección. Todas as películas inscritas e non seleccionadas para as Competicións Oficiais (Longametraxes, documentais e curtametraxes), serán consideradas para incluírse noutras seccións da programación do Festival.
-Permitirán a incorporación das películas seleccionadas ao fondo videográfico da Semana de Cine, destinado á difusión audiovisual sen ánimo de lucro, sempre de carácter cultural. En calquera caso, Fonmiñá (entidade organizadora) comunicará aos participantes o uso que se faga destas películas.
-Non retirarán a película da programación nin a presentarán comercialmente en España antes da súa proxección en Lugo.
EXHIBICIÓN
As proxeccións da 39ª Semana Internacional de Cine Autor de Lugo realizaranse nos formatos Blu-ray, DVD ou o sistema que considere o Festival. Durante a celebración do certame, do 18 ao 23 de setembro de 2017, a organización reserva o dereito de exhibir as películas seleccionadas nas salas cinematográficas e espazos vinculados a este evento en cantas sesións públicas estime conveniente. A organización establecerá a orde, data e horario de exhibición.
PELICULAS EN 35 MILÍMETROS
Os propietarios dos dereitos daquelas películas en formato 35 mm que desexen a súa inscrición no Festival deberán poñerse en contacto coa dirección do mesmo a fin de realizar os trámites que dite a organización.
XURADO
Un xurado elixido entre profesionais do mundo cinematográfico, audiovisual, prensa e cultura será o encargado da selección das distintas películas para as seccións competitivas.
O Xurado Oficial será o propio público asistente ás proxeccións, que votará cada unha das películas que se exhiban.
PREMIOS OFICIAIS
Premio do Público á Mellor Película da Sección Oficial: Trofeo e 1.000 euros
Premio do Público á Mellor Película Documental: Trofeo e 300 euros.
Premio do Público á Mellor Película Galega: Trofeo e 300 euros.
Premio do Público á Mellor Curtametraxe Galega: Trofeo e 300 euros.
Premio do Público á Mellor Curtametraxe: Trofeo e 300 euros.
RESOLUCIÓN FINAL
As dúbidas que poidan xurdir sobre a interpretación destas bases, así como os conflitos que puidesen producirse derivados da súa aplicación, en canto á organización ou funcionamento, serán resoltas polo Comité Organizador da 39ª Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo.