ACE-EU propón que o Pleno fiscalice a contabilidade de todos os grupos municipais

O grupo municipal Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida rexistrou unha iniciativa que se debaterá na vindeira sesión ordinaria do Pleno do Concello de Lugo para que “todos os grupos municipais da corporación teñan a obriga de presentar para coñecemento público os gastos realizados con cargo á dotación económica que teñen asignada no orzamento local e que deban xustificar os devanditos gastos ante o departamento de Intervención, apoiándose no establecido polo artigo 73 da Lei de Bases de Réxime Local”.

“Fronte a gravidade das dúbidas xurdidas a semana pasada sobre a contabilidade dos grupos políticos do Concello de Lugo, é prioritario que a administración local actúe reforzando a súa aposta pola transparencia, xa que a recente polémica mediática pon directamente en entredito a integridade da propia institución municipal, ao darse a entender que existe a posibilidade de malversar fondos públicos do erario local desviándoos sistemáticamente para a financiación de actividades particulares de cada formación política non permitidas pola lexislación na materia”, explica Carlos Portomeñe.

ACE-EU considera que esta crise de credibilidade é “a oportunidade perfecta para que todos os grupos políticos con representación no Pleno do Concello de Lugo poidan demostrar a pulcritude coa que manexan a asignación de cartos públicos que de lexítimo  lle corresponde a cada un en calidade de representantes da cidadanía lucense democráticamente elixidos”. Por iso, este grupo municipal non só pide que os grupos políticos poñan as súas contas a disposición do Pleno para o seu control directo por parte da administración local, senón que “as mesmas se publiquen no Portal de Transparencia do Concello de Lugo para xeral coñecemento da cidadanía, co detalle do destino de cada gasto especificando importe e concepto e cales grupos xustificaron correctamente os mesmos ante a Intervención Municipal”. Incidiu Portomeñe.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com