O Concello de Mondoñedo estará presente de novo en Fitur

O Goberno local do Concello de Mondoñedo volverá ter presenza este ano en Fitur onde a alcaldesa, a popular Elena Candia, dará a coñecer ao sector o proxecto ‘Municipio para investir’ co propósito de promocionar a localidade fóra de Galicia.

A rexedora avanzou ademais, que o seu equipo de Goberno xestionou reunións con ata 15 axencias de viaxes. En concreto, a tres delas presentaránselles as oportunidades que ofrece o Concello de Mondoñedo para investir.

Conseguir máis visitantes

O obxectivo desta presenza en Fitur, explica a rexedora, pasa por conseguir máis visitas de turistas e chegar a acordos con touroperadores, como xa se fixo en anualidades anteriores para seguir consolidando a visita de grupos e familias. Con este propósito desde o Concello tamén se están a xestionar reunións con posibles emprendedores, engade.

Ademais fará unha presentación na Casa de Galicia en Madrid do informe ‘Municipio para investir’, un acto no que abundará sobre todos os recursos que ten o municipio para atraer visitantes. “Para nós o turismo é un sector estratéxico e dinamizador da economía local, polo que estamos volcados para para que as nosas accións dean os mellores resultados”, explica a rexedora.

Mondoñedo, municipio para investir

O material que o Concello achega a Madrid recolle unha pormenorizada relación dos recursos do municipio e das posibilidades empresarias que ofrece. O estudo, que xa foi presentando en Madrid e Barcelona, “permitirá poñer en valor e dar a coñecer todos os recursos que ofrece a cidade e captar dese xeito tanto o turismo como a inversión que precisa o municipio”.

Candia salienta que algúns dos potenciais mindonienses que se abordan, son entre outros, “a situación xeográfica, a súa proximidade ao mar e aos fluxos turísticos, os seus enclaves turísticos máis destacados, o rico patrimonio histórico e arqueolóxico, as tradicións culturais, a gastronomía e as actividades produtivas; xunto aos recursos naturais da localidade, á dispoñibilidade de chan industrial a prezos asequibles, ás instalacións industriais e inmobles ociosos e aos incentivos públicos existentes, entre outros”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com