O Presidente, Darío Campos Conde, informou este martes sobre a nova campaña de promoción turística da provincia lucense, que arranca o Goberno da Deputación baixo o lema “Lugo Cambia”. Farao en FITUR coa presentación de varios traballos audiovisuais en diferentes idiomas (galego, español, portugués, inglés e francés), que poñen en valor o conxunto dos recursos naturais, patrimoniais, culturais ou gastronómicos dos 67 Concellos da provincia, así como os específicos de cada un dos 4 xeodestinos turísticos nos que se divide o territorio lugués: A Mariña, que aglutina 15 municipios; Lugo-Terra Chá, con 26; Ribeira Sacra, con 13; e Ancares-O Courel, con outros 13.
Campos Conde explicou que “cremos que é necesaria a posta en marcha dunha campaña de promoción turística de Lugo para que esta provincia deixe de ser para moitos unha grande descoñecida. Arrancámola en FITUR porque cremos que é o mellor escaparate para facelo, pois trátase da feira turística de referencia no noso país, así como un encontro global para todos os profesionais do turismo, no que a nosa provincia tiña que estar presente”.
Faino baixo o lema: “Lugo Cambia”. O Presidente apuntou que “decidimos que o lema da nosa campaña leve este nome por 3 razóns:
1ª.- “Pola diversidade da oferta turística da nosa provincia. Nada ten que ver a beleza das praias da Mariña, coa dos viñedos da Ribeira Sacra, coa da montaña dos Ancares e do Courel ou coa dos ríos e lagoas da Terra Chá. O que queremos transmitir á xente con este lema é que hai moitos mundos nunha soa provincia, que as experiencias que se viven son diferentes en función do lugares que visites na nosa provincia”.
2ª.- “A segunda razón fai referencia á evolución e innovación da nosa provincia; como en Lugo sabemos adaptar aos novos tempos, ao século XXI, a nosa historia e tradición, facendo da mesma un importante recurso turístico e económico. Fomos capaces de manter ata os nosos días sectores de referencia na historia desta provincia, que son signos da nosa identidade, como a oleiría, a ferreiría ou a viticultura, innovando. Por exemplo, da incrible viticultura heroica avanzamos ata a comercialización do viño da Ribeira Sacra en Estados Unidos, Noruega, Venezuela ou Xapón. Ou como soubemos poñer en valor o noso rico pasado con citas de grande prestixio como o Arde Lucus, a Festa Normanda ou a Renacentista”.
3ª.- “A terceira razón do noso lema ten que ver coas sensacións que che produce vir a Lugo. Cremos que a ninguén lle pode pasar desapercibida, por exemplo, unha visita ás nosas inmensas praias rocosas, á Muralla Romana que rodea a cidade de Lugo, ás paisaxes das tres Reservas da Biosfera ou a entrada do Camiño de Santiago a Galicia polo Cebreiro”.
Traballos audiovisuais
En FITUR a campaña de promoción turística da provincia “Lugo Cambia” contará cos cinco primeiros traballos audiovisuais, pois xa traballa na elaboración de novo material con máis detalles sobre o que poden atopar os visitantes en cada un dos xeodestinos turísticos da provincia de Lugo. Toda esta documentación estará en galego, castelán, inglés, portugués e francés para chegar a todos os públicos.
Plan Integral de Turismo
Simultaneamente ao desenvolvemento desta campaña de promoción para que “Lugo deixe de ser unha descoñecida”, o Presidente destacou que o Goberno da Deputación está a traballar na elaboración dun Plan Integral de Turismo cun claro obxectivo: “converter a Lugo nun destino turístico de referencia en España”.
“Para acadar esta meta non é suficiente a única implicación desta Deputación, senón que é imprescindible a xeración de sinérxias entre o sector público e o privado. É dicir, necesítase da colaboración de todas as administracións do país con todos os axentes implicados no sector turístico. E non só no ámbito provincial ou autonómico, senón alén das nosas fronteiras. Este será o único xeito de que as axencias e turoperadores inclúan á provincia de Lugo na súa oferta turística.” salientou Campos Conde.
O Presidente remarcou que segundo datos do INE a provincia tivo un millón de visitantes no 2015 e a pernotación media foi de menos 1,44 días, menos de 2 días. “Entre todos temos que mellorar estes datos, pois é posible pasar varios días en Lugo, gozando de distintas actividades ou paisaxes”. O Plan Integral de Turismo definirá ás actuacións que se deben poñer en marcha para que isto sexa posible.