A Asociación Cidadá contra a Letra Pequena (CON LUPA), nacida ao calor da loita contra as preferentes e integrada por membros da Plataforma das Preferentes de Lugo, ven realizando, como actividade principal, actos e charlas informativas e de denuncia de outros produtos bancarios tóxicos, que “a banca segue a comercializar sen transparencia nin amparo legal (cláusulas solo, valores, bonos convertibles, hipotecas multidivisas, …) para seguir espoliando os recursos dos seus clientes, como se ven demostrando en múltiples sentenzas xudiciais”.
Diante “destes abusos das entidades bancarias, CON LUPA, ten denunciado e reclamado publicamente medidas para regular e controlar a comercialización destes produtos, devolver ás persoas afectadas todo o capital estafado, esixir responsabilidades económicas e penais aos impulsores destas estafas e responsabilidades políticas aos membros dos gobernos do Estado e da Xunta que os autorizaron ou consentiron”.
O ingreso en prisión dos 5 exdirectivos de Novagalicia Banco para cumprir unha condena de 2 anos de prisión por enriquecerse con xubilacións millonarias, “é un primeiro paso para que estes directivos asuman parte da súa responsabilidade pola xestión que fixeron das Caixas galegas. E un primeiro paso, “pero insuficiente e pouco exemplarizante aínda, tendo en conta as consecuencias da súa xestión, que deu como resultado que máis de 100.000 familias galegas estafadas con preferentes e subordinadas, padeceran un “sen vivir” durante moitos meses e, incluso, anos, ata que puideron recuperar – grazas a unha dura e longa loita – os seus aforros, o que lles afectou gravemente a súa saúde e tranquilidade e, nalgún caso, a súa propia vida. Uns 10.000 clientes aínda non recuperaron os seus cartos”.