A Delegación da Xunta en Madrid/ Casa de Galicia acolleu esta mañá a presentación do Informe “Mondoñedo, un municipio para investir”, un estudo encargado polo concello e que a alcaldesa da cidade María Elena Candia López expuxo porque “pon en valor e dá a coñecer os recursos que temos e así captar investimentos para a nosa localidade”. Ao acto asistiron máis de sesenta persoas entre as que se atopaban empresarios, deputados, destacados cargos das diferentes administracións así como relevantes profesionais de variados sectores.
O Delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega tras as palabras de benvida fixo un pequeno repaso pola ampla traxectoria da alcaldesa e realizou un relatorio do máis sobranceiro do municipio así como dos seus fillos máis ilustres
Pola súa banda, a alcaldesa María Helena Candia precisou que o informe, realizado por profesionais independentes e que xa foi presentado noutras cidades, sinala de Mondoñedo “a súa especial situación xeográfica, a súa proximidade ao mar e aos fluxos turísticos, os seus enclaves turísticos máis destacados, o rico patrimonio histórico e arqueolóxico, as tradicións culturais e a gastronomía, as actividades produtivas, os recursos naturais da localidade, que dispón de chan industrial a prezos alcanzables, sen esquecer as instalacións industriais, inmobles para lecer, os incentivos públicos para crear empresas e moitas oportunidades relacionadas co potencial turístico e agroalimentario. Tamén están os sectores forestal, eólico, louseiro, agroalimentario, inmobiliario, e a artesanía.
“Mondoñedo ten moitas posibilidades de futuro e con este documento pretendemos dalas a coñecer”, subliñou a rexedora